Nova: A Agadic apoia a realización de 221 funcións escénicas e concertos galegos en 10 países

13/05/2016

A Agadic apoia a realización de 221 funcións escénicas e concertos galegos en 10 países

Publicou a primeira quenda de adxudicacións ao abeiro das súas subvencións ás actividades de distribución nas industrias culturais, a través da que xa concedeu 193.788 euros do total dos 420.000 convocados en 2016

Diferentes cidades galegas e españolas, así como de Bélxica, Colombia, Costa Rica, Francia, México, Perú, Portugal, Reino Unido e Suíza son os destinos destas actuacións de formacións de teatro, danza, música e novo circo

A modalidade destinada a xiras escénicas dentro de Galicia esgotou o seu crédito de 110.000 euros, destinado a 111 representacións a cargo de oito compañías
 

Santiago,13 de maio de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Musicais (Agadic) apoia a realización dun total de 221 actuacións escénicas e musicais de formacións galegas en 10 países a través da primeira quenda de adxudicacións ao abeiro da súa convocatoria anual de subvencións ás actividades de distribución nas industrias culturais.

A través desta primeira concesión de 2016 contribúese, así mesmo, á actividade promocional desenvolvida por empresas culturais galegas en sete feiras sectoriais de música, teatro e arte contemporánea. En total, adxudicáronse xa 193.788 euros dos 420.000 cos que se dotou esta convocatoria, para a que o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 31 de agosto ou ata esgotar o orzamento reservado a cada unha das modalidades. A resolución desta adxudicación pode consultarse no enderezo http://www.agadic.gal/Avisos/detalles/337.

Este último é o caso da categoría destinada á distribución de espectáculos escénicos no territorio galego, que pechou a adxudicación dos 110.000 euros que tiña asignados e grazas á que se impulsa a posta en escena dun total de 111 funcións en 54 localidades galegas a cargo de oito compañías: Aporía Teatro, Contraproducións, Ibuprofeno Teatro, Malasombra, Producións Teatráis Excéntricas, Redrum Producciones, Talía Teatro e Tanxarina Títeres. Porén, de non existiren suficientes solicitudes no resto das modalidades, centradas nas accións exteriores e para as que se reserva unha dotación de 310.000 euros, o importe non adxudicado se poderá destinar tamén á distribución interior.

Xiras internacionais
En canto ao apoio á distribución fóra de Galicia, a través desta primeira concesión cofináncianse 110 actuacións de compañías escénicas e grupos de música galegos en diferentes localidades españolas, así como noutros nove países europeos e americanos: Bélxica, Colombia, Costa Rica, Francia, México, Perú, Portugal, Reino Unido e Suíza. No caso da música, atopamos nesta relación os concertos de Cuarteto Caramuxo en Toulouse, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Bruxelas e León, a xira suíza de Leilía e a estatal de Luar na Lubre.

No apartado de teatro, contribúese ás representacións de varios dos espectáculos de Producións Teatráis Excéntricas en toda a Península, de Lois e Paula Blanco no festival Lady Shakespeare de Londres e de Ibuprofeno Teatro no ‘Mujeres cuentan’ de Cantabria, así como ás xiras españolas de Voadora e Baobab Teatro.

Por último, en novo circo apoiase a participación de Antón Coucheiro en diferentes encontros de clown en Colombia e Perú, a xira mexicana de Pistacatro e a española de AirenoAr, mentres que en danza, as actuacións de Traspediante e Pisando Ovos en Costa Rica.

Comparte