Nova: O CGAC súmase á celebración do Día dos Museos cunha semana de actividades para todos os públicos

18/05/2016

O CGAC súmase á celebración do Día dos Museos cunha semana de actividades para todos os públicos

Santiago, 18 de maio 2016.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) súmase á celebración do Día Internacional dos Museos baixo o lema “Museos e paisaxes culturais” proposto polo ICOM (Consello Internacional de Museos) para este ano 2016, cunha serie de actividades destinadas a todos os públicos.

Así, a partir de hoxe mércores, todos os museos participantes -entre os que se atopa o CGAC- sacarán unhas peañas á rúa co obxectivo de convidar a axentes culturais e a calquera persoa que se considere parte da paisaxe cultural, a subir a un pedestal para posar como un ben de interese cultural. Coa denominación de “Elevacións”, esta acción pretende facer extensivo o museo á rúa. A actividade terá lugar entre as 11,00 e as 14,00 horas e desde as 17,00 ata as 19,00 horas.

Estas accións serán documentadas a través de gravacións e retratos, polo alumnado da Escola de Arte Superior de Deseño Mestre Mateo e tamén da Escola de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos O Raio Verde. O material resultante subirase as redes de cada museo para compartir a experiencia co público que poderá participar na votación para escoller as mellores fotografías.

Dende o xoves 19 até o domingo 22, as peañas volverán ao interior dos museos para que as persoas que queiran poidan participar da acción no marco museístico como una peza máis, fotografiándose enriba das peañas e enviando as imaxes á nosa páxina de Facebook mediante a etiqueta #CompostelaPaisaxeCultural.

Así mesmo, ás 20,00 horas de hoxe, o hall do CGAC acolle o “Concerto de Vértixe Sonora Ensemble”, que abrirá tamén o ciclo de concertos “Música e arte. Correspondencias sonoras”, que se celebrará ao longo do mes de maio. Así mesmo, a Tenda-Librería, aplicando descontos en todas as publicacións, e A Cantina do CGAC, con un menú especial, súmanse a celebración deste día.

Ruta arquitectónica
O sábado, día 21, levarase a cabo unha ruta de “Paisaxe arquitectónica” organizada en colaboración co COAG (Colexio de Arquitectos de Galicia) en colaboración cos oito museos no DIM dirixindo una ruta arquitectónica que percorrerá desde o barrio de San Lázaro até a Zona Vella de Santiago, facendo una reflexión sobre a cidade monumental e o territorio. O Itinerario será: San Lázaro- Camiño Francés- Cruceiro de San Pedro- San Domingos de Bonaval- praza das Praterías- praza do Obradoiro.

Ese mesmo día, no CGAC celebrarase un taller de “Paisaxe sensorial”, dirixido a nenos e nenas de 4 a 6 anos. Este taller creará un espazo para internarse no universo dos sentidos que posibilite espertar e exercitar a percepción. Este taller repetirase o domingo, día 22, neste caso para nenos e nenas de 7 a 9 anos.

Comparte