Nova: Aberta ao público a Feira do Libro de Lugo

17/05/2016

Aberta ao público a Feira do Libro de Lugo

O conselleiro de Cultura emprazou aos cidadáns a gozar deste evento que contribúe ao fomento da lectura e a dinamizar o sector

No marco da feira organízanse unha serie de actividades complementarias para todos os públicos e, en especial, para os máis cativos

O programa, que este ano está dedicado á figura de Manuel María, percorre un total de 14 concellos de Galicia

Lugo, 17 de maio de 2016.- Desde esta tarde quedou aberta ao público a Feira do Libro Novo de Lugo, unha cita anual que vai pola súa trixésimo cuarta edición e que se poderá visitar ata o vindeiro domingo día 22.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez -que esta tarde visitou a feira-, salientou a importancia deste tipo de citas pola súa contribución ao fomento da lectura e pola dinamización do sector das publicacións. O conselleiro aproveitou para convidar á cidadanía a que se achegue estes días ao centro da cidade da Muralla para gozar do encontro cos seus autores favoritos e participar nas múltiples actividades organizadas arredor deste evento, moitas delas pensadas sobre todo para os máis cativos da casa.

Así mesmo, Román Rodríguez salientou que a cita luguesa abre precisamente o Día das Letras Galegas, unha “data significativa” máxime cando este ano se honra ao poeta chairego Manuel María. O autor Xerardo Quintiá foi o pregoeiro da apertura desta Feira á que tamén asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A Feira do Libro Novo de Lugo é a parada número 5 dun total de 14 que están previstas ata finais de agosto, dúas máis que o ano pasado. “Polo tanto –dixo o conselleiro- temos catro meses e nove citas por diante para reforzar a visibilidade do libro e favorecer o achegamento á produción editorial”. Xunto con estas feiras máis populares, de maio a setembro haberá outras Feiras do Libro Antigo e de Ocasión, que tamén visitará Lugo, entre outras cidades.

En lembranza do poeta Manuel María, as Feiras do Libro de Galicia preséntanse este ano baixo o lema “A patria na palabra”. Por iso, ademais das novidades editoriais, os libros de Manuel María cobrarán un protagonismo especial, xunto con unha ampla programación de actividades pensadas tanto para pequenos como para maiores e que van desde presentacións de obras, ata contacontos, espectáculos musicais e obradoiros entre outros.

Un percorrido por 14 concellos
Coa incorporación por primeira vez este ano do Porriño e Redondela, as Feiras do Libro Novo de Galicia amplían a súa programación a un total de 14 localidades, das cales xa visitaron Pontevedra, Ferrol, Santiago, O Porriño e agora Lugo ata o 22 de maio. A continuación, visitarán o concello de Ourense, do 3 ao 8 de xuño; e a vila de Redondela, a partir do 16 de xuño e ata o 19 dese mes. Xa no verán, as Feiras do Libro de Galicia percorrerán os municipios de Ribeira, do 23 ao 26 de xuño; Vigo, do 1 ao 10 de xullo; e Rianxo, entre o 21 e o 24 de xullo; e pecharán a edición de 2016, no mes de agosto, na Coruña, desde o 1 ata o día 10; en Viveiro, do día 12 ao 15; en Foz, entre o 18 e o 21; e, finalmente, en Monforte, do día 24 ao 27.

As Feiras do Libro Antigo e de Ocasión
A programación de espazos na rúa para lle dar visibilidade ao libro e favorecer un achegamento doado á produción editorial galega complétase coas Feiras de Libro Antigo e de Ocasión, do mes de maio ao de setembro, que se organizarán nas cidades de Santiago (do 14 ao 29 de maio), Lugo (do 2 ao 17 de xullo), Vigo (do 23 de xullo ao 7 de agosto), A Coruña (do 14 ao 28 de agosto) e Ourense (do 3 ao 18 de setembro).

Bos Aires, o eixo central da proxección exterior en 2016
O eixo central deste ano para a proxección exterior do sector foi a Feira Internacional do Libro de Bos Aires, na que Santiago de Compostela foi cidade convidada e na que Galicia contou cun stand propio.

Ademais de en Bos Aires, este ano Galicia e o seu sector editorial estivo representado na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, e farao proximamente na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, do 19 ao 23 de outubro; e na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México, que se realizará a finais deste ano, do 26 de novembro ao 4 de decembro.

Nas feiras internacionais, as editoriais galegas contan cun stand institucional da Xunta de Galicia para a visibilidade das súas publicacións e imaxe, distribución de materiais promocionais, atención ao público, así como para o desenvolvemento de reunións que favorezan a actividade comercial das empresas do sector.

Comparte