Nova: Unha mostra sobre Álvaro Cebreiro conmemora o centenario das Irmandades

18/05/2016

Unha mostra sobre Álvaro Cebreiro conmemora o centenario das Irmandades

Cultura conmemora con esta exposición esta efeméride e a do Día Internacional dos Museos 

A Coruña, 18 de maio de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, salientou o carácter integrador da actividade que realizaron as Irmandades da Fala na defensa “da nosa lingua e cultura sen excluír a ninguén. Sendo integradores, aproveitando o que une a todos os galegos, en lugar de centrarse nas diferenzas”, explicou. Fíxoo na apertura da mostra ‘Álvaro Cebreiro 1903-1953’, coa que o seu departamento celebra o Día dos Museos e os 100 anos do nacemento das Irmandades da Fala, sinalando ademais que este espírito de unión é o que debe guiar a conmemoración do centenario deste grupo, “que medrou con rapidez grazas ao recoñecemento dunha realidade plural”.

Román Rodríguez sinalou, así mesmo, o das Irmandades como o primeiro esforzo normalizador despois da súa recuperación no Rexurdimento, e lembrou que a celebración deste 100 aniversario nace dun mandato parlamentario, ao abeiro do que se está a desenvolver unha extensa programación conxunta. Con ela trátase de divulgar o labor das Irmandades, que supuxo un paso adiante decisivo en defensa do idioma galego, no recoñecemento político da identidade de Galicia, e que foi promotor da renovación cultural que abriu novas vías para o desenvolvemento da creatividade artística en Galicia. Neste entido o conselleiro quixo agradecer a súa colaboración a todas e cada unha das institucións que participan nesta conmemoración coa súa achega “para que esta celebración sexa un éxito colectivo, un éxito de Galicia como pobo”.

O caricaturista dunha época
O primeiro terzo do século vinte foi, así mesmo, o tempo que este grupo compartiu co artista precoz, prolífico e polifacético Álvaro Cebreiro, que fixo a súa primeira exposición na sede das Irmandades da Fala na Coruña, converténdose axiña nun xenial caricaturista, “moderno aínda hoxe, 60 anos despois da súa morte”. Neste sentido o conselleiro convidou ao público a achegarse ao Museo de Belas Artes da Coruña para gozar destas obras de arte nas que poetas, escritores e políticos “quedaron prendidos no papel a través das mans dun artista que era, á vez, amigo seu e testemuña dunha época feliz da nosa cultura”.

Nado na Coruña en 1903, debuxante, pintor, ilustrador de libros e colaborador literario, Álvaro Cebreiro pasou á posteridade como un dos máis destacados humoristas gráficos galegos. Integrado nos círculos culturais da época, caricaturizou poetas, artistas, escritores e políticos cos que estableceu relacións de amizade. Non en balde a exposición amosará un total de 33 obras, entre as que poderán contemplarse caricaturas de intelectuais como Imeldo Corral, Issac Díaz Pardo, Castelao, Manuel Castro Gil, Manuel Abelenda, Fernando Álvarez de Sotomayor, Vicente Risco, Plácido Castro, Manuel Lugrís Pérez, Ramón Gómez de la Serna, José Nombela ou Bernardino Machado. Todas elas forman parte do importante fondo de obras deste autor co que conta o Museo de Belas Artes da Coruña, integrado por 272 pezas.

Álvaro Cebreiro deu a coñecer as primeiras caricaturas aos 16 anos no xornal A Nosa Terra, o voceiro das Irmandades da Fala fundadas en 1916. No local da Irmandade da Coruña presentou en 1920 a súa primeira exposición individual. A súa obra gráfica quedou tamén plasmada en xornais galegos como La Voz de Galicia, Galicia, El Noroeste, Faro de Vigo e no madrileño El Sol, así como nas revistas Alborada, Ronsel -da que foi director artístico- Alfar, Nós, Vida Gallega e na bonaerense Céltiga.

Día dos museos
A apertura desta mostra enmárcase na programación preparada pola Consellería para sumarse á celebración os 18 de maio da 38ª edición do Día Internacional dos Museos cun amplo programa con concertos, actividades teatralizadas, exposicións e obradoiros dirixidos a todos os públicos.

Todas as actividades son de carácter gratuíto. Con todo, e dado que algunhas delas dependen do aforo dos lugares onde se desenvolven, recoméndase que se consulten as páxinas webs destes museos ou o Portal de Museos da Consellería para comprobar as horas e se fai falta efectuar inscrición previa, así como os detalles máis pormenorizados. No portal de museos, http://museos.xunta.gal/ pódese acceder ás páxinas propias de cada un dos museos xestionados.

Comparte