Nova: Cultura presenta no Parlamento o primeiro Mapa de bibliotecas públicas de Galicia

19/05/2016

Cultura presenta no Parlamento o primeiro Mapa de bibliotecas públicas de Galicia

O documento analiza o estado actual do sistema bibliotecario galego por concellos para facilitar a planificación de melloras

Os fondos documentais, os puntos de lectura e as horas de apertura son os ítems que presentan unha mellor situación, mentres que se detectan carencias no equipamento informático, no persoal e na superficie das instalacións

Anxo Lorenzo destacou o valor desta ferramenta de planificación para o desenvolvemento dunha estratexia de actuación no ámbito bibliotecario
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou no Parlamento de Galicia as liñas centrais do primeiro Mapa de bibliotecas públicas de Galicia, “un instrumento planificador que permite coñecer o estado do sistema bibliotecario galego para poder poñer en marcha actuacións que se traduzan na mellora dos servizos e na máxima adecuación ás necesidades dos usuarios e das usuarias”.

Na súa comparecencia na Comisión 4ª de Educación e Cultura, o secretario xeral explicou que o mapa constitúe “unha radiografía exhaustiva do sistema bibliotecario galego” por concellos no que ademais se propoñen liñas de actuación e prioridades da acción pública en materia de servizos públicos bibliotecarios galegos.

Realizado pola Consellería de Cultura e Educación de acordo cos estándares fixados polo Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia e do censo autonómico, o mapa analiza o estado dos equipamentos bibliotecarios en relación coa adecuación establecida nos estándares para ofrecer un servizo de calidade, atendendo á superficie útil das instalacións, ao fondo documental, ao persoal, ás horas semanais de servizos, aos PCs e ao número de puntos de lectura.

O mapa galego conclúe que os fondos documentais, os puntos de lectura e as horas de apertura presentan un grao elevado de adecuación aos estándares, mentres que os espazos, os puntos de acceso informático e o persoal son os recursos que contan cun menor nivel de adecuación.

Segundo adiantou Anxo Lorenzo na comisión, o mapa establece que preto do 90% das bibliotecas públicas de Galicia dispoñen dunha colección cuantitativamente adecuada respecto ao que establecen os estándares, e unicamente un 3% presenta un baixo nivel de adecuación. No que respecta á superficie, a media de concellos que alcanzan unha adecuación alta neste indicador é dun 11%, o 21% media e o 68% teñen unha adecuación baixa.

Os postos de lectura, xunto coa colección e as horas de apertura, é un dos recursos mellor situados. Preto do 90% das bibliotecas públicas de Galicia teñen un nivel de adecuación alto respecto ao que establecen os estándares. En canto aos puntos de acceso informático, os concellos cun grao de adecuación alto son un 14%, en cambio un 59% presentan un baixo nivel de adecuación.

Sobre os recursos humanos, o 40% das bibliotecas presentan un nivel de adecuación alto en persoal. Finalmente, a maioría das bibliotecas públicas de Galicia cumpren ou superan o número de horas de apertura establecidas nos estándares. Este indicador de horas de apertura é de forma destacada o ámbito cun nivel máis alto de adecuación, moi próximo ao 100%.

Apoio ao servizo bibliotecario e ao libro galego
Durante a comparecencia, o secretario xeral de Cultura recordou que con este mapa “a Xunta de Galicia manifesta unha vontade clara de continuar coas políticas de apoio aos servizos bibliotecarios de Galicia, ao libro galego e á industria cultural galega”, ao tempo que recordou os investimentos realizados este ano polo departamento que dirixe de 700.000 euros para a adquisición de libro galego destinado ás bibliotecas de toda Galicia, que permiten renovar as coleccións, dos cales se destinan 300.000 euros para adquisición de novidades editoriais en galego. Tamén destacou o impulso ao labor de dinamización lectora, cun investimento de 250.000 euros en 2016, e “o aumento considerable do acceso virtual aos servizos bibliotecarios”, grazas ás ferramentas postas en marcha nos últimos meses, tanto do préstamo do libro electrónico como do resto de servizos en liña que se ofrecen.

Ferramentas de planificación
O mapa abrangue tanto as bibliotecas de titularidade pública como as de titularidade privada e de uso xeral integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, recollendo as bibliotecas de todos os concellos galegos con máis de 2.000 habitantes. Segundo o Censo de Bibliotecas Públicas de Galicia todos os municipios galegos con poboación superior a 5.000 habitantes contan con biblioteca pública, sendo 257 os municipios que dispoñen de servizo bibliotecario activo.

O Mapa de bibliotecas públicas de Galicia foi elaborado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tal e como se establece na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, tras a aprobación dos estándares e o informe preceptivo do órgano colexiado competente, o Consello de Cooperación Bibliotecaria. O marco legal establece que, tras o seu paso polo Consello da Xunta para a súa aprobación, a Consellería lles remitirá o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia aos grupos parlamentarios galegos para o seu exame e valoración.
 

Comparte