Nova: Mimosas, do realizador galego Oliver Laxe, gaña o Nespresso Grand Prize da Semana da Crítica do Festival de Cannes

20/05/2016

Mimosas, do realizador galego Oliver Laxe, gaña o Nespresso Grand Prize da Semana da Crítica do Festival de Cannes

A cinta, que se estreou neste recoñecido festival francés, conta co apoio da Agadic

Santiago, 19 de maio de 2016.- O filme ‘Mimosas’, do realizador galego Oliver Laxe e subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic, acaba de alzarse co Nespresso Grand Prize da Semana da Crítica do Festival de Cannes. A cinta, cuxo estreo mundial se realizou neste recoñecido festival francés, foi moi ben acollida polo público e os profesionais acreditados desde o primeiro momento.

Este galardón supón un fito histórico para o cine galego, pero tamén para o español, posto que é a terceira vez na historia do festival que unha película española consigue este premio.

A Xunta de Galicia quere felicitar moi especialmente ao seu director, Oliver Laxe, e tamén á produtora Zeitun Films polo seu traballo.

Rodada en Marrocos
A presentación de ‘Mimosas’ implica o regreso a Cannes de Oliver Laxe seis anos despois de que obtivera o premio Fipresci da Quincena de Realizadores por ‘Todos vós sodes capitáns’, a súa ópera prima. Nesta ocasión, o cineasta galego asina un conto épico sobre a fe, que relata a historia dos dous personaxes protagonistas, Ahmed e Said, e a súa viaxe por atopar un camiño a Sijilmasa, lugar no que deben soterrar un mestre sufí. A rodaxe do filme tivo lugar en Marrocos, lugar de residencia actual de Laxe, en localizacións naturais de grande beleza como as montañas nevadas do Anti-Atlas, o lago Ifni ou os vales do Tamalloute.

Cómpre lembrar que a creación galega está presente en dúas do total de sete obras procedentes de todo o territorio español que este ano están presentes nas distintas seccións de Cannes 2016.
 

Comparte