Nova: Miguel Anxo Fernán Vello recibe o XIII Premio de Poesía Fundación por Duración da penumbra

20/05/2016

Miguel Anxo Fernán Vello recibe o XIII Premio de Poesía Fundación por Duración da penumbra

A obra acaba de ver a luz na colección Arte de Trobar

Afundación, a Consellería de Cultura e Educación e o Centro PEN de Galicia promoven este certame para alentar a creación poética e enriquecer a produción literaria en galego

 

A Coruña, 20 de maio de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, gabou esta tarde a traxectoria literaria de Miguel Anxo Fernán Vello duran o acto no que se lle fixo entrega ao escritor e editor do XIII Premio de Poesía Afundación polo seu poemario ‘Duración da penumbra’.

“Coñecemos as súas vocacións filolóxicas e musicais; coñecemos os seus proxectos dinamizadores da cultura, como editor e responsable de publicacións periódicas que marcaron fitos na asunción do galega no seu papel de lingua oficial de cultura; coñecemos o seu compromiso coa terra; e coñecemos tamén o seu talento literario, galardoado con prestixiosos premios, aos que agora suma o Premio de Poesía Afundación”, afirmou o secretario xeral de Cultura durante o acto de entrega, que tivo lugar esta tarde na Coruña e no que tamén participaron o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; e o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar.

Promover a creación literaria en galego
O certame conta co apoio e a participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega á vez que estimula a creación literaria. Con este obxectivo, a Xunta de Galicia contribúe coa realización de diversos premios e certames literarios, como o Premio Narrativa Breve Repsol, o Premio de Poesía Gonzalo López Abente, o Premio de Poesía Concello de Carral e o Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, entre outros.

Elenco de galardoados
Este certame poético comezou a andar no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela e Miguel Anxo Fernán Vello.

Nova convocatoria
Este ano, o prazo para participar na décimo cuarta edición do premio conclúe o próximo 30 de setembro. A el poden concorrer obras inéditas e orixinais, non presentadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos. O texto gañador recibirá un único premio de 6.000 euros e será publicado, ademais, na colección Arte de Trobar, editada polo Centro Pen de Galicia e a fundación galega.

Comparte