Nova: A sexta edición de Nethinking chega á illa de San Simón coa participación das voces máis sólidas do panorama dixital

21/05/2016

A sexta edición de Nethinking chega á illa de San Simón coa participación das voces máis sólidas do panorama dixital

Xornalistas, consultores, expertos, investigadores, artistas e educadores analizan as claves da vida en rede os días 27 e 28 de maio

A presentadora de Cuatro Marta Fernández, os xornalistas e escritores Xosé Castro e Noel Ceballos e a escritora creativa Irene G. Punto son algunhas das novas voces que se unen a esta iniciativa promovida por Cultura e Educación
 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2016.- Nova edición de Nethinking. Por sexto ano consecutivo San Simón vaise converter, nos días 27 e 28 de maio, nunha sorte de illa virtual. Algúns dos principais influencers, xornalistas, consultores e investigadores vinculados ao actual panorama do ámbito dixital regresarán a este espazo único para debater sobre o pasado, o presente e o futuro da vida en rede.

Algunhas das voces máis lúcidas no virtual visitarán San Simón para falar no marco dun encontro que cada ano se comparte tamén a través de streaming, de xeito que todas as persoas interesadas en explorar as posibilidades do mundo dixital poidan participar de xeito interactivo.

En edicións anteriores, as sesións foron seguidas por streaming desde 30 países, con gran presenza e debate tamén en twitter. Na sexta edición espérase un novo éxito de participación internacional e, por parte do equipo de traballo, unha auténtica tormenta creativa da man dos veteranos desta comunidade e tamén das novas incorporacións que cada ano suman valor e calidade. Unha cita moi singular tanto polo marco, a illa de San Simón (Redondela-Pontevedra) como polo formato das sesións: abertas, colectivas, espontáneas e afastadas do sistema tradicional.

As novas incorporacións da sexta edición
Respecto do equipo, aos membros da comunidade Nethinking uniranse novas voces, algunhas moi mediáticas como a de Marta Fernández, presentadora da primeira edición de Noticias Cuatro, con intensa actividade en redes e un exitoso debut literario no que toca, entre outras temáticas, a intelixencia artificial.

Tamén se estrea neste foro Xosé Castro, tradutor, guionista, redactor e comunicador, que colabora en ‘Atención, obras’ (TVE), ‘Gente despierta’ (RNE) e ‘Likes’ (Movistar+). O xornalista e escritor Noel Ceballos únese a esta comunidade para enfocar o desafío dixital desde a súa experiencia como xornalista e experto, xa que acaba de publicar un ensaio sobre o impacto do universo dixital na vida cotiá.

A poesía no século XXI tamén terá cabida nesta edición de Nethinking, da man de Irene G. Punto, xornalista, profesora de escritura creativa e autora de varias obras de micropoesía, que ofrecerá un pequeno recital no transcurso do encontro.

Voces consolidadas da comunidade Nethinking
Novas incorporacións de primeiro nivel que se unirán a expertos xa coñecidos polos numerosos seguidores de Nethinking como Eduardo Arcos, fundador de Hipertextual, a rede de medios dixitais máis importante de América Latina; Antonio Delgado, xornalista especializado en innovación editorial e profesor de xornalismo de datos; Ismael El-Qudsi, experto en social media e márketing dixital; Juan Carlos Fernández Fasero, director de Zona Noroeste de SGAE ademais de físico, músico, compositor e produtor artístico, e outro músico polifacético como Julián Hernández, líder do mítico grupo Siniestro Total ademais de escritor, guionista e moi activo en redes sociais.

Repiten tamén Pepo Jiménez, coñecido nas redes como Kurioso e creador de Memesis; así como outro pseudónimo con moita pegada: Hematocrítico, o mestre, autor de libros infantís e humorista en rede Miguel Ángel López. Tamén as polifacéticas xornalistas Raquel Martos, que é ademais guionista e escritora, e outro exemplo de profesional multimedia, Carmela Ríos, Premio Ortega y Gasset de Xornalismo Dixital e actualmente responsable de Redes Sociais e Vídeo Social do diario ‘El Mundo’.

Como investigadores Nethinking conta con Joaquín Rodríguez, fundador de futurosdelibro.com e experto en educación na era dixital, e Mario Tascón, mestre da linguaxe en internet, e entre outras moitas actividades, director do Manual del español para internet, redes sociales y nuevos medios, da Fundéu.

Focos temáticos
Ao igual que o elenco de Nethinking, os temas a tratar van medrando e evolucionando. Big Data: a era dos datos masivos; Negocios: novos medios, mesmos fins; Internet das cousas: a hora dos prodixios; Atlas de anatomía virtual ou Contidos e formatos: o breve e o híbrido son os suxestivos títulos dos paneis temáticos en que se dividirá a edición deste ano.

Tanto por streaming como por redes sociais poderase coñecer que pensan destas novas realidades algunas das voces máis lúcidas do panorama dixital.

www.nethinking.es (para información adicional e seguimento en streaming)

@NethinkingES #Nethinking6

faceboook/nethinking

Comparte