Nova: O Gaiás celebra o Día dos Museos cunha xornada de xogos, obradoiros e actividades ao redor do mundo da moda
21/05/2016
O Gaiás celebra o Día dos Museos cunha xornada de xogos, obradoiros e actividades ao redor do mundo da moda
Exhibición de palilleiras infantís, actividades para deseñar roupa do futuro ou prendas da Idade Media, vermes de seda e accións solidarias ao redor do téxtil formaron parte do programa
O conselleiro de Cultura participou nesta xornada destinada a celebrar os museos como espazos clave para estimular a creatividade de nenos e maiores
Santiago, 21 de maio de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na xornada organizada polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura con motivo do Día dos Museos, obradoiros, xogos e actividades lúdicas, didácticas e solidarias en torno ao mundo do téxtil e da moda, no marco da exposición ‘Con-fío en Galicia’.
As familias que se achegaron ao Gaiás puideron participar en obradoiros para fabricar a roupa do futuro, mesturando moda e electrónica, e atoparon a posibilidade de viaxar á Idade Media para descubrir como se vestía nese tempo. O programa incluía tamén demostracións con vermes de sede, e a construción dun mosaico solidario con roupa usada, prendas que serán entregadas a diferentes ONGs.
Unha das actividades centrais foi a exhibición dun grupo de palilleiras infantís, vinte rapazas chegadas de Camariñas que amosaron a súa destreza no arte do encaixe. A xornada completouse cos contos de Montse Rivera, acompañados de poemas e cantigas coa roupa como protagonista. Houbo un espazo para ilustración, e actividades didácticas para aprender o funcionamento de teares e a confección artesanal de tecidos.
Nenos e maiores puideron descubrir a exposición ‘Con-fío en Galicia’ seguindo os pasos e as explicacións de Fi, a mascota da exposición, e mergullándose na historia do téxtil e da moda en Galicia, a través das trescentas pezas que se atopan nesta mostra que se pode visitar no Museo Centro Gaiás ate setembro.
Coincidindo co Día dos Museos, a Sala Eisenman do Gaiás acolleu as cadeiras transformadas en xardíns nun proxecto artístico desenvolvido polos escolares da comarca de Arousa e apoiado pola Unesco no marco da Semana Internacional de Educación Artística. Esta instalación colectiva leva por título ‘Homenaxe a Joseph Beuys’, en honor ao artista conceptual alemán que consideraba que cada persoa leva un artista en potencia no seu interior.