Nova: A Cidade da Cultura promove unha reflexión ao redor da moda cunha conferencia de Guillermo Solana e unha master class de Manuel Outumuro
24/05/2016
A Cidade da Cultura promove unha reflexión ao redor da moda cunha conferencia de Guillermo Solana e unha master class de Manuel Outumuro
O director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza, analizará o martes 7 de xuño no Gaiás o papel da moda nas exposicións temporais dos grandes museos de arte
O Museo Centro Gaiás acollerá as sesións do fotógrafo de referencia no mundo da moda en España o xoves 9 de xuño
A asistencia a estas actividades, que se enmarcan nas Xornadas Académicas da exposición ‘Con-fío en Galicia’, é de balde ata completar aforo previa reserva de praza en cidadedacultura.gal
Santiago, 24 de maio de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, promove unha reflexión ao redor do mundo da moda cunha conferencia do director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza, Guillermo Solana, e unha master class de Manuel Outumuro, un dos grandes nomes da fotografía de moda en España.
Estas dúas actividades desenvólvense no marco das Xornadas Académicas da exposición ‘Con-fío en Galicia’, organizadas polo Museo Centro Gaiás. Debido ao interés suscitado tanto por Guillermo Solana como por Manuel Outumuro, a conferencia e master class ábrense, previa reserva de praza, a interesados que non estean inscritos nas xornadas.
Ao redor do tema ‘A moda nas exposición temporais dos grandes museos de arte’, Guillermo Solana dará conta (martes 7 de xuño, 10.15 h.) da súa experiencia á fronte dunha das institucións culturais máis prestixiosas de España, que ten desenvolvido proxectos expositivos ao redor do mundo da moda tan célebres como ‘Hubert de Givenchy’ ou ‘Vogue like a painting’. Na súa charla estará acompañado por Juan Gutiérrez, conservador de coleccións contemporáneas do Museo Nacional do Traxe, cunha intervención que leva por título ‘Entre o permanente e o efémero’. Os interesados poden reservar praza en cidadedacultura.gal.
Manuel Outumuro, pola súa banda, impartirá unha master class sobre fotografía e moda o xoves 9 de xuño de 10.15 a 14.15. As súas fotografías constitúen documentos que reflicten boa parte da historia da moda nestes últimos vinte anos. Ademais de ser creador da imaxe gráfica e comunicación visual de grandes deseñadores de moda, como fotógrafo publicou en revistas internacionais como Vogue, Elle ou Zest e españolas como Fotogramas, Telva, Woman, Elle, Marie Claire, ademais de colaborar en xornais nacionais como El País ou La Vanguardia.