Nova: Dúas importantes doazóns particulares enriquecen o fondo da Biblioteca do Museo de Belas Artes da Coruña
26/05/2016
Dúas importantes doazóns particulares enriquecen o fondo da Biblioteca do Museo de Belas Artes da Coruña
A Coruña, 26 de maio de 2016.- O Museo de Belas Artes da Coruña vén de incorporar dúas importantes doazóns particulares que enriquecen o seu fondo bibliográfico. Por unha banda, Pedro Vasco Conde, presidente da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña, acaba de facer unha doazón de gran parte da súa colección privada, un total de 617 monografías, folletos, catálogos de exposicións e publicacións periódicas de arte á biblioteca do Museo.
Por outra banda, César Antonio Molina, escritor, ex ministro de Cultura, ex director do Instituto Cervantes e actual director da Casa do Lector da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, acaba de enviar, a través da Biblioteca da Deputación Provincial da Coruña e polo seu expreso desexo persoal, un lote de 67 libros de arte procedentes dos duplicados da Biblioteca Molina-Monmany da Deputación Provincial.
Desde o Museo agradécense estas iniciativas e anímase a que outros particulares ou institucións se así o desexan, contribúan ao enriquecemento dos seus fondos bibliográficos, dispoñibles para a consulta dos seus usuarios.
O Museo de Belas Artes conta cunha biblioteca especializada en arte que posúe na actualidade e máis de 15000 títulos, e un importante número de publicacións periódicas nacionais e internacionais.
A biblioteca supón un instrumento fundamental de traballo para o labor de investigación e documentación realizada polo persoal técnico do museo, e para investigadores e usuarios externos, especialmente da área das artes, o patrimonio e a museoloxía.
Ademais, cumpre un rol importante na produción, difusión, e conservación dos contidos xerados desde o Museo
Entre os seus obxectivos destaca o de converterse nunha biblioteca de referencia no campo das belas artes, especialmente a nivel galego.
A todo isto contribúen dunha maneira especial iniciativas como dúas doazóns particulares, recentemente recibidas na biblioteca.