Nova: Formalízase o contrato da primeira fase das obras de posta en valor da Ponte Vella de Ourense

29/05/2016

Formalízase o contrato da primeira fase das obras de posta en valor da Ponte Vella de Ourense

A Consellería de Cultura adxudicou a obra por 196.020 euros

Santiago, 29 de maio de 2016.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a formalización do contrato entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a empresa ‘Rehabita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración, S.L.’ para o desenvolvemento da primeira fase das obras de posta en valor da Ponte Vella de Ourense. A obra, que foi adxudicada por 196.020 euros, ten un prazo de execución de 3 meses e está previsto que comece nos próximos días.

A primeira fase da rehabilitación ten como obxectivo atender a aqueles puntos ou zonas con patoloxías máis graves - co fin que os traballos de limpeza teñan maior durabilidade no tempo- para o que se repararán, entre outros, encintados e retacados. Así mesmo, contémplase a reparación dalgún oco que existe na fábrica, a causa de roturas de pezas construtivas ou falta de cantarías; así como a reparación dalgún punto do pavimento e a retirada da tubaría de abastecemento engrapada á ponte.

As obras de mantemento e conservación da ponte romana de Ourense permitirán a posta en valor dun ben patrimonial que constitúe un emblema para a cidade. A formalización do contrato pode consultarse no DOG, no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160526/AnuncioG0164-110516-0004_gl.html
 

Comparte