Nova: Preséntase o libro Antón Villar Ponte e as Irmandades da Fala, co obxectivo de difundir a relevancia deste movemento histórico no desenvolvemento cultural de Galicia
30/05/2016
Preséntase o libro Antón Villar Ponte e as Irmandades da Fala, co obxectivo de difundir a relevancia deste movemento histórico no desenvolvemento cultural de Galicia
Publicado na colección da Biblioteca de Autores da APC, a obra darase a coñecer no Museo de Belas Artes da Coruña
Santiago, 30 de maio de 2016.- A Asociación da Prensa da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentan mañá martes, 31 de maio, o libro ‘Antón Villar Ponte e as Irmandades da Fala’, unha obra que acaba de ver a luz co obxectivo de difundir a relevancia deste movemento histórico no desenvolvemento cultural de Galicia, así como o labor das persoas que o impulsaron.
O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá mañá esta presentación a partir das 19:00 horas, nun acto que contará coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do presidente da Asociación de Prensa da Coruña (APC), Manuel González; e do secretario da entidade e coordinador do libro, Cristóbal Atienza; así como do xornalista Manuel Rodríguez García.
O libro forma parte da colección Biblioteca de Autores da APC, iniciada con Manuel Lugrís. Este segundo volume dedicado a Antón Villar Ponte –quen fora presidente da APC en 1915, un ano antes da creación da primeira Irmandade de Amigos da Fala, na Coruña– reúne unha escolma de artigos dos irmáns Villar Ponte (Antón e Ramón), de Valentín Lamas Carvajal, Ramón Cabanillas, Robustiano Faxinas, Xoán Xesús González, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Castelao. Conta, ademais, cunha minuciosa cronobiografía realizada polo doutor en Filoloxía Galega Emilio Xosé Insua, destacado experto nas Irmandades da Fala.
A colección Biblioteca de Autores da APC foi pensada para poñer en valor os fundadores e primeiros socios da Asociación da Prensa coruñesa e cun sentido eminentemente didáctico e aproximación aos persoeiros que son memoria histórica de Galicia.
No centenario das Irmandades
A publicación da obra enmárcase nas iniciativas que vén apoiando e promovendo a Consellería de Cultura e Educación co gallo do centenario da fundación das Irmandades da Fala, para contribuír coa difusión social da relevancia deste movemento no desenvolvemento cultural de Galicia, así como ao estudo académico das diferentes vertentes destas agrupacións do primeiro terzo do século XX.