Nova: O ciclo Do Audible regresa con novas estreas para achegar o público ás novas expresións culturais contemporáneas

01/06/2016

O ciclo Do Audible regresa con novas estreas para achegar o público ás novas expresións culturais contemporáneas

Do 7 de xuño ao 4 de outubro haberá concertos nas cidades de Ourense, de Vigo, da Coruña e de Pontevedra, con experiencias singulares nas que conflúen diferentes disciplinas da arte e do pensamento

O papel da muller na creación musical centra a sesión inaugural da programación, que contará coa participación de relevantes personalidades dos ámbitos da música, das letras, das artes escénicas e da filosofía

O conxunto suízo UMS’n JIP é a nova agrupación convidada do ciclo, promovido por Cultura en colaboración con Vertixe Sonora

Santiago, 1 de xuño de 2016.- Do Audible chega á súa cuarta edición co obxectivo de abrir novos horizontes na creación musical contemporánea. A través de formatos singulares para a experiencia musical e coa complicidade de diferentes entidades internacionais, o ciclo organizado pola Consellería de Cultura e Educación, coa colaboración de Vertixe Sonora Ensemble, percorrerá do vindeiro 7 de xuño ao 4 de outubro as cidades de Ourense, Vigo, A Coruña e Pontevedra, cunha programación que pon o foco no dinamismo da creación contemporánea.

“Esta concepción dinámica e variada é a que configura este ciclo, estruturado en catro concertos ou en catro experiencias, nas que se afonda en diferentes ideas: unhas veces a través da palabra poética; noutros casos a partir das reflexións ou desde o teatro”. Así o explicou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación, na que estivo acompañado polo director artístico, Ramón Souto.

Apertura ás tendencias artísticas actuais
Segundo asegurou o secretario xeral, Do Audible “cobre un conxunto de obxectivos escasamente tratados nas programacións culturais, e desde a Consellería de Cultura e Educación consideramos que é importante que formen parte da configuración da oferta musical galega e da necesaria apertura do concepto e das tendencias artísticas actuais”. Tamén se referiu ao ciclo como “unha programación dun punto de encontro con compositores e compositoras, e músicos doutras latitudes; de músicos galegos asentados en cidades diferentes, pero capaces de desenvolver propostas conxuntas de experimentación e de calidade; e entre diferentes disciplinas da arte e do pensamento, que se dispoñen en diálogo coa creación musical”.

O papel da muller na creación musical
Co título “Coma espellos dun calidoscopio”, a sesión inaugural “pon en primeiro termo a creatividade feminina no ámbito musical, un aspecto no que aínda temos moito que avanzar socialmente”, afirmou Anxo Lorenzo. Esta reflexión sobre o papel da muller na música e especialmente na creación contemporánea enmárcase nunha liña de investigación aberta coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Trátase dunha iniciativa pioneira que conta co comisariado de Elena Rykova, compositora residente en Harvard, que seleccionou pezas de cinco compositoras actuais: Anna Romashkova (Rusia), Ann Cleare (Irlanda) Elo Masing (Estonia), Tania Lanfer (Brasil) e Daniela Fantechi (Italia).

A apertura do ciclo contará coa intervención da poeta María do Cebreiro e levarase a cabo o vindeiro 7 de xuño na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro do campus de Ourense.

UMS’n JIP, agrupación convidada
O ciclo Do Audible 2016 continúa o próximo 22 de xuño no Espacio Sirvent en Vigo co programa “Sete derradeiras comidas”, conducido pola agrupación convidada deste ano, a suíza UMS’n JIP, un dos conxuntos de música contemporánea máis activos e experimentados da escena internacional, que destaca pola súa indagación na voz humana. Este segundo programa do ciclo rolda o mundo da ópera cunha visión que bota man de medios acústicos, electrónicos e dixitais.

Estrea mundial
A seguinte cita do ciclo será o 21 de setembro no Museo de Arte Contemporánea da Coruña coa sesión “Microteatro psicopático”. As posibilidades de reinventar a ópera e o teatro revélanse nesta proposta baixo a dirección dun nome singular do teatro español como é Carlos Álvarez-Ossorio, cun espectáculo en estrea absoluta no que actor e músicos están ao mesmo nivel en escena. A sesión tamén contará co compositor, pianista e artista interdisciplinario Óscar Carmona.

Remover tanto o concepto de espazo como o de espectáculo convencional está no cerne de “Turbulencias ou a idea de espazo”, a proposta que pechará o ciclo o 4 de outubro na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Este último programa, que desenvolve dous discursos paralelos, filosofía e música, e, con diferentes obras para instrumentos de vento –da autoría de Edgar Varèse, Richard Barrett, Gerald Eckert e Luc Döbereiner–, aborda o concepto do espazo na composición.

Todas as sesións de Do Audible son ás 20:30 horas e de acceso gratuíto, ata completar a capacidade. Os concertos corren a cargo de Vertixe Sonora Ensemble, unha formación integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal, que conxuga artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza.

Achegamento ás expresións culturais contemporáneas
Con este ciclo, a Secretaría Xeral de Cultura e Vertixe Sonora procuran o achegamento do público xeral á música e ás expresións contemporáneas, con experiencias novidosas en distintos puntos de Galicia. Cada concerto organízase arredor dun foco temático e interactúa coa palabra cómplice de relevantes personalidades do mundo da cultura, na procura de achegar puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento contemporáneos.

A edición deste ano do ciclo Do Audible conta coas colaboracións da Universidade de Vigo, de Gas Natural Fenosa, do Concello de Pontevedra, de Pro Helvetia, de Kulturrat des Kantons Wallis, de Berliner Senatskanzlei Kulturelle Angelegenheiten e do Instituto Goethe. 
 

Comparte