Nova: Unha publicación lembra o labor pioneiro e comprometido das Irmandades da Fala e de Antón Villar Ponte

31/05/2016

Unha publicación lembra o labor pioneiro e comprometido das Irmandades da Fala e de Antón Villar Ponte

A Biblioteca de Autores da Asociación da Prensa da Coruña dedícalle o seu segundo volume ao xornalista de Viveiro e a este movemento histórico no desenvolvemento cultural e político de Galicia

  • Anxo Lorenzo no acto de presentación da obra Anxo Lorenzo no acto de presentación da obra

A Coruña, 31 de maio de 2016.- A presentación do libro Antón Villar Ponte e as Irmandades da Fala, que tivo lugar no Museo de Belas Artes da Coruña, púxolle “o ramo a un mes de maio de homenaxes e de celebracións ben significativas para a nosa cultura”, en palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A obra, que acaba de ver a luz na Biblioteca de Autores da Asociación da Prensa da Coruña (APC), co apoio da Consellería de Cultura e Educación, “achéganos –segundo afirmou– a figura de quen xogou un papel fundamental no proceso de creación das Irmandades, así como na configuración e desenvolvemento do seu pensamento”.

Por unha banda, este achegamento realízase a través da minuciosa cronobiografía elaborada por Emilio Xosé Insua, que ofrece detallada información sobre a traxectoria vital e profesional de Villar Ponte. Por outra banda, a través dunha escolma de artigos da súa autoría, xunto cos doutros nomes como o de seu irmán Ramón Villar Ponte, Valentín Lamas Carvajal, Ramón Cabanillas, Robustiano Faxinas, Xoán Xesús González, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Castelao.

Defensa da lingua e modernización da cultura
“As Irmandades da Fala erixíronse como un movemento fundamental na defensa da lingua propia de Galicia, na súa dignificación e na extensión do seu uso a todos os ámbitos; o seu labor supuxo tamén un avance crucial no progreso da nosa cultura e nas aspiracións políticas de Galicia no século XX”, dixo Anxo Lorenzo, quen recordou que “iniciativas como a que hoxe presentamos supoñen un recoñecemento ao traballo pioneiro e comprometido deste colectivo, ao seu empeño modernizador da cultura galega, que cómpre recordar, difundir e tamén seguir estudando”.

Dedicada a Antón Villar Ponte –quen fora presidente da APC en 1915, un ano antes da creación da primeira Irmandade de Amigos da Fala, na Coruña–, a obra constitúe o segundo volume que se publica na colección da Biblioteca de Autores da Asociación da Prensa da Coruña, iniciada cunha obra sobre Manuel Lugrís.

O presidente da APC, Manuel González, e o secretario da entidade e coordinador da obra –xunto con Adriana Rodríguez–, Cristóbal Atienza, e o xornalista Manuel Rodríguez tamén participaron na presentación da obra, que ten como obxectivo difundir a relevancia das Irmandades da Fala no desenvolvemento cultural de Galicia, así como o labor das persoas que o impulsaron, cando se cumpre o centenario da súa fundación.

Comparte