Nova: Lluís Bonet reflexiona sobre o fenómeno do turismo no ciclo Nexos da Cidade da Cultura
28/05/2016
Lluís Bonet reflexiona sobre o fenómeno do turismo no ciclo Nexos da Cidade da Cultura
O profesor catalán analizou as luces e sombras dun fenómeno que move máis de mil millóns de persoas cada ano
Mofa e Befa completaron a sesión coa presentación da súa última acción de teatro cómico ‘We are differents’
Santiago, 28 de maio 2016.- Lluís Bonet reflexionou esta mañá no Gaiás sobre o fenómeno do turismo na última sesión do primeiro semestre do ciclo de cultura contemporánea ‘Nexos’.
O recoñecido conferenciante, profesor e director da formación en xestión cultural da UB, na que se inclúe un Posgrao en Turismo Cultural, debullou ante o auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura as virtudes pero tamén as consecuencias non desexables que conleva nestes días o turismo. Luces e sombras dun fenómeno que non para de medrar desde mediados do século XIX e cuxos movementos a escala global xa superan os mil millóns de persoas cada ano.
Tras o relatorio de Bonet, a sesión finalizou por todo o alto coa actuación de Mofa e Befa, que presentaron no Gaiás a súa última acción: ‘We are differents’, na que o turismo é despoxado das súas múltiples máscaras para desvelar a súa auténtica natureza, a do mostro devorador das diferenzas.
Como xa é habitual, os asistentes puideron degustar tras a sesión dun viño e un petisco por cortesía da bodega Martín Códax e Pan do Mar, facilitando un momento para o diálogo e o intercambio de impresións.
Sesión para nenos
Esta nova sesión de Nexos contou tamén cunha sesión infantil para nenos de 6 a 12 anos, na que os participantes foron por un día uns auténticos turistas. Os cativos realizaron unha serie de murais colectivos con fotografías e datos para coñecer algunhas das cidades máis turísticas do mundo (Nova York, Venecia, Roma, París, Compostela, Madrid...) e con eles crearon un xogo de mesa tipo Trivial co que competiron por ser os que máis sabían deses lugares.