Nova: Sinais en curto abre a programación do festival (S8) no CGAI coa presentación dos traballos de nove cineastas galegos

30/05/2016

Sinais en curto abre a programación do festival (S8) no CGAI coa presentación dos traballos de nove cineastas galegos

A sesión, que terá lugar o mércores ás 18.00 h, ofrecerá as novas curtametraxes de Natalia Porca, Mar García, Xurxo Chirro, Diana Toucedo, Alberte Branco, Gonzalo E. Veloso, Lucía Vilela, Miguel Mariño e Borja Santomé

Como unha das sedes da Mostra de Cinema Periférico, o Centro Galego das Artes da Imaxe acolle programas sobre Germaine Dulac, Saul Levine, William Raban e Nicky Hamlyn, ademais dunha conferencia de Eugeni Bonet e o novo documental de Andrés Duque
 

  • O programa ‘Sinais en curto’ O programa ‘Sinais en curto’

A Coruña, 30 de maio de 2016.- O programa ‘Sinais en curto’, dedicado ao novo cinema feito en Galicia, abrirá este mércores 1, ás 18.00 horas, a carteleira que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) despregará esta semana como unha das sedes da (S8) Mostra de Cinema Periférico. A sétima edición deste festival, un dos seis eventos audiovisuais subvencionados este ano pola Consellería de Cultura a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), arranca esta mesma noite no Teatro Rosalía Castro cunha gala arredor de ‘O acoirazado Potemkin’ e continuará ata o domingo 5 cunha intensa programación en diferentes espazos da cidade.

No caso do CGAI, o cinema galego protagoniza a primeira das nove sesións da (S8) cunha escolma de curtametraxes, entre as que se inclúen pezas producidas dentro da segunda edición do Chanfaina Lab, celebrada en setembro de 2015 en San Sadurniño. Esta foi unha experiencia de creación audiovisual colectiva na que os participantes filmaron cadansúa curtametraxe durante unha fin de semana, con absoluta liberdade sobre o tema e o tratamento audiovisual. Neste sentido, a (S8) recupera os traballos de Natalia Porca (‘Materia Prima’), Mar García (‘Beleza do verán’), Diana Toucedo (‘Homes’), Alberte Branco (‘Trazos’), Lucía Vilela (‘Toxos e flores’) e Miguel Mariño (‘O tempo da mazá’). Ademais, presentaranse as curtas doutros tres realizadores: Xurxo Chirro (‘Jeannette’) –gañadora do premio á mellor curtametraxe do Ficic 2016 en Arxentina–, Gonzalo E. Veloso (‘Subida ao cerro’) e Borja Santomé Rodríguez (‘Historia cerebro’).

Pioneira do impresionismo cinematográfico
A segunda sesión do mércores, ás 20.30 horas, dedicarase á obra de Germaine Dulac, pioneira francesa e referente do impresionismo cinematográfico, que é un dos eixos temáticos da sétima edición deste encontro centrado nas vangardas audiovisuais. No CGAI exhibiranse as versións restauradas de ‘Thèmes et Variations’ (1928) e ‘Étude Cinématographique sur une Arabesque’ (1929), así como ‘L’Invitation au voyage’ (1927) e ‘Disque 957’ (1928).

Por outra banda, o festival traerá á Coruña tres mestres internacionais, dos que a filmoteca galega ofrecerá diferentes sesións especiais. É o caso do estadounidense Saul Levine (xoves 2, ás 18.00 h, e sábado 4, ás 20.30 h), quen desde finais dos sesenta emprega como ferramenta fundamental o Súper 8, xuntando o chamado ‘cine diarístico’ coa busca formal e a militancia política.

No caso dos outros dous protagonistas, ambos son creadores ligados á mítica London Filmmakers Co-op. Dunha banda, o veterano William Raban (xoves 2, ás 20.30 h), quen ademais impartirá o sábado 4 no auditorio de Afundación unha clase maxistral sobre ‘Tempo e materialidade no cine’, que incluirá o filme-performance ‘Take Measure’. Doutra, Nicky Hamlyn (venres 3, ás 18.00 h), quen estreará o sábado na Fundación Luís Seoane outro filme-performance feito especificamente para o festival.

O Centro Galego das Artes da Imaxe tamén acollerá o venres ás 11.30 horas a conferencia e as proxeccións do artista catalán Eugeni Bonet, quen estará acompañado por Albert Alcoz, e ás 20.30 horas a presentación da nova longametraxe documental de Andrés Duque, ‘Oleg y las raras artes’. O sábado, ás 17.00 horas, ofrecerase unha nova sesión de Stan Brakhage, unha das principais figuras do cinema experimental do século XX que vén sendo obxecto dunha minuciosa retrospectiva por parte do CGAI dentro da súa sección ‘Desencadres’.

Todas as sesións da (S8) Mostra de Cinema Periférico na sala se proxeccións da Filmoteca de Galicia son de acceso libre ata completar a capacidade.
 

Comparte