Nova: Novidades editoriais e máis de 30 actividades dinamizarán a rúa do Paseo de Ourense ata o vindeiro mércores

03/06/2016
Novidades editoriais e máis de 30 actividades dinamizarán a rúa do Paseo de Ourense ata o vindeiro mércores
Ferias do Libro de Galicia chega á cidade das Burgas con un amplo programa que vai desde encontro con escritores ata contacontos
Ourense, 3 de xuño de 2016.- Xa está aberta ao público a Feira do Libro Novo de Ourense, unha cita anual que vai pola súa trixésimo segunda edición e que se poderá visitar ata o vindeiro mércores, día 8.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, salientou a importancia deste tipo de citas pola súa contribución ao fomento da lectura e pola dinamización do sector das publicacións. “Saír á rúa con este tipo de eventos serve para lle dar visibilidade ao libro e favorecer un achegamento doado á produción editorial galega” asegurou. Díaz Mouteira aproveitou para convidar a cidadanía a que se achegue estes días á céntrica rúa do Paseo da cidade das Burgas para gozar do encontro cos seus autores favoritos e participar nas múltiples actividades organizadas arredor deste evento.
Oito librerías –Pedreira, A Nova, Cartabón, Káthedra, Padre Feijóo, La Viuda, Nobel Internacional e Zampacontos– participan na trixésimo segunda edición da feira, que tamén contará con espazos para a Biblioteca Pública de Ourense, para o Grupo Marcelo Macías e o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, e para a Deputación Provincial de Ourense.
A Feira do Libro Novo de Ourense é a parada número 5 dun total de 14 ata finais de agosto que están previstas dentro das Feiras do Libro de Galicia promovidas pola Federación de Librarías de Galicia e a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria.