Nova: Siro López achégalle ao público a figura esquecida do caricaturista José María Cao Luaces nun ciclo de conferencias

06/06/2016

Siro López achégalle ao público a figura esquecida do caricaturista José María Cao Luaces nun ciclo de conferencias

A primeira das sesións será na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, onde se exhibe unha escolma de obras do debuxante lucense, considerado o patriarca da caricatura arxentina

A Consellería de Cultura e Educación, en colaboración co Club de Prensa de Ferrol, promove este proxecto, que inclúe tamén unha exposición itinerante, para poñer en valor e difundir a obra deste artista escasamente coñecido en Galicia
 

  • Don Quixote II, por Cao Luaces Don Quixote II, por Cao Luaces
  • Pierre Baudin, por Cao Luaces Pierre Baudin, por Cao Luaces
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na presentación da conferencia de Siro López
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na presentación da conferencia de Siro López O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na presentación da conferencia de Siro López

Santiago, 6 de xuño de 2016.- Poñer en valor e dar a coñecer a figura do debuxante galego José María Cao Luaces é o principal obxectivo da programación posta en marcha este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria arredor do galego José María Cao Luaces, un destacado debuxante nacido en Cervo en 1862 e que está considerado o patriarca da caricatura arxentina.

As propostas para difundir entre a cidadanía a figura e a obra do artista lucense inclúen un ciclo de conferencias a cargo do xornalista e debuxante Siro López, que comezou luns, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal e que contou coa participación na presentación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Trátase dun total de catro citas nas que Siro López debullará a frutífera traxectoria e analizará a calidade técnica de Cao Luaces, unha figura que, malia a súa relevancia nas artes plásticas, é aínda escasamente coñecida en Galicia.

A pegada de Cao Luaces en Castelao
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao creará a moderna escola galega de humor gráfico co influxo indirecto de Cao Luaces, que comezou traballando na fábrica de Sargadelos de Cervo e que máis tarde, con 25 anos, emigrou a Buenos Aires. Alí, logo dunha amplísima e prolífica traxectoria en diferentes publicacións da capital porteña, entre finais do século XIX e inicios do XX, o artista galego acadará prestixio internacional e será recoñecido como “patriarca da caricatura arxentina”.

Dan man do recoñecido debuxante Siro López, o público tivo ocasión de descubrir o talento e a habelencia doutro debuxante galego excepcional que se erixiu como un dos grandes creadores desta forma de arte no seu tempo a través deste ciclo de conferencias que comezou hoxe na capital de Galicia e que tamén chegará á Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, o día 22 de xuño; á Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, o día 10 de novembro; e mais á galería Sargadelos de Cervo, terra natal de Cao Luaces, o 29 de novembro.

Exposición itinerante
Estes catro concellos tamén se inclúen na itinerancia da exposición que se pode ver estes días na Biblioteca Ánxel Casal e que reúne unha escolma de caricaturas do debuxante de Cervo. Promovida pola Consellería de Cultura de Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, e en colaboración co Club de Prensa de Ferrol, a mostra recupera o legado e actualiza a figura deste esquecido artista de Cervo, que contribuíu decisivamente a que a ilustración arxentina eclosionase no final do século XIX e comezos do XX.

Na Ánxel Casal, a mostra poderá visitarse ata o 12 de xuño. Logo, iniciará un percorrido que a levará ata a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, do 14 de xuño ao 10 de xullo; a Ourense, onde permanecerá do 12 de xullo ao 7 de agosto na sala José Ángel Valente; a Biblioteca Pública de Lugo, do 2 ao 28 de setembro; a Casa da Cultura de Melide, do 30 de setembro ao 25 de outubro; a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, do 27 de outubro ao 27 de novembro; e a sala de exposicións de Sargadelos en Cervo, onde rematará a itinerancia entre o 29 de novembro e o 20 de decembro.

Comparte