Nova: O director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza reflexiona sobre moda no Gaiás

07/06/2016
O director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza reflexiona sobre moda no Gaiás
Guillermo Solana aborda, no marco das Xornadas Académicas da mostra Con-Fío en Galicia, as complexas relacións entre as institucións culturais e as grandes marcas de moda
Manuel Outumuro, un dos fotógrafos de referencia durante os últimos vinte anos en España, impartirá unha master class este xoves
Santiago, 7 de xuño de 2016.- A Cidade da Cultura de Galicia acolleu unha conferencia do director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza, Guillermo Solana, na que abordou a relación entre a moda e os grandes museos, a través dunha viaxe polas exposicións temporais de referencia dedicadas a este mundo e dunha análise das relacións e os intereses das marcas polos espazos culturais.
No marco das xornadas académicas da mostra ‘Con-fío en Galicia’, que se pode visitar no Museo Centro Gaiás ata o 11 de setembro, Guillermo Solana relatou a súa experiencia á fronte dun dos museos máis prestixiosos de España, que ten desenvolvido proxectos expositivos ao redor do mundo da moda tan célebres como ‘Hubert de Givenchy’ ou ‘Vogue Like a Painting’. A sesión desta mañá contou tamén con Juan Gutiérrez, conservador de coleccións contemporáneas do Museo Nacional do Traxe, cunha intervención que levou por título ‘Entre o permanente e o efémero’.
Esta tarde será a quenda da deseñadora Sara Coleman, que presentará a ponencia ‘Encontros híbridos entre a arte, o deseño e a moda. O téxtil como interface’. Xunta a ela, estará Arantza Vilas, deseñadora galega afincada en Londres, e fundadora de Pinaki Studios, especializada en deseño de vestiario para televisión e cine, e que ten participado en proxectos tan populares como a serie ‘Xogo de Tronos’.
Master class de Outumuro
Dirixidas pola profesora de Historia da Arte da Universidade de Santiago, Fátima Díaz Platas, estas xornadas académicas continuarán ata o xoves, día no que Manuel Outumuro impartirá unha master class sobre fotografía e moda.
As fotografías deste ourensán afincando en Barcelona constitúen documentos que reflicten boa parte da historia da moda nestes últimos vinte anos en España. Ademais de ser creador da imaxe gráfica e comunicación visual de grandes deseñadores, Outumuro publicou en revistas internacionais como Vogue, Elle ou Zest e españolas como Fotogramas, Telva, Woman, Elle, Marie Claire, ademais de colaborar en xornais nacionais como El País ou La Vanguardia.