Nova: Trinta bailaríns e bailarinas participan nas audicións do Centro Coreográfico Galego para As catro estacións

09/06/2016

Trinta bailaríns e bailarinas participan nas audicións do Centro Coreográfico Galego para As catro estacións

A unidade de danza da Agadic seleccionará un corpo de baile de oito intérpretes para poñer en escena este ballet a partir da famosa composición de Vivaldi

Tras superar unha primeira fase de valoración do seu currículo, os aspirantes deberán demostrar a súa calidade artística e técnica durante unha clase de danza clásica e a interpretación dun fragmento a proposta do tribunal

Iker Gómez e Kenneth Tindall estarán no xurado como coreógrafos convidados para este novo espectáculo do CCG, que se estreará o 9 de setembro na Coruña
 

A Coruña, 9 de xuño de 2016.- Un total de 30 bailaríns e bailarinas participarán mañá na Coruña nas audicións convocadas pola Axencia Galega das Industrias culturais (Agadic) para seleccionar o corpo de baile de oito intérpretes que porá en escena ‘As catro estacións’, a nova produción que o Centro Coreográfico Galego (CCG) estreará o 9 de setembro na Coruña.

Os aspirantes que superaron a primeira fase de valoración do currículo formativo e profesional deberán agora demostrar a súa calidade artística e técnica diante do tribunal. Del forman parte os dous coreógrafos convidados para este nova proposta da unidade de danza da Agadic: o creador vasco afincado en Madrid Iker Gómez e o británico Kenneth Tindall.

Probas eliminatorias
Esta fase de audicións, que terá lugar na sede do Centro Coreográfico Galego no Complexo Deportivo de Elviña a partir das 9.30 horas, constará de dúas probas eliminatorias. En primeiro lugar, os candidatos deberán participar nunha clase de danza clásica durante a que os membros do tribunal analizarán a súa calidade artística, técnica de puntas e de paso a dous. A continuación, os que superen esta proba deberán executar un fragmento de diverso material coreográfico de Iker Gómez e Kenneth Tindall que lles será amosado nese momento. O xurado poderá pedirlles, así mesmo, que exhiban a súa competencia en dúos.

O obxectivo é seleccionar as catro bailarinas e os catro bailaríns que interpretarán o próximo espectáculo do CCG, a partir da famosa obra de Vivaldi que é, ademais, un dos grandes referentes da música barroca. Trátase dunha composición moi descritiva que evoca distintos aspectos das catro estacións do ano e que, neste caso, apoiarase na danza para transportar o público a cada unha delas.

A estrea de ‘As catro estacións’ terá lugar o venres 9 de setembro no Teatro Colón da Coruña para iniciar despois unha xira dentro da que poderá verse tamén no Salón Teatro de Santiago do 1 ao 3 de decembro.

Comparte