Nova: Manuel Outumuro promove unha reflexión sobre a evolución da fotografía de moda nunha máster class no Gaiás

09/06/2016

Manuel Outumuro promove unha reflexión sobre a evolución da fotografía de moda nunha máster class no Gaiás

O ourensán, un dos grandes nomes da fotografía de moda en España, analizou as relacións entre os fotógrafos, as grandes marcas e as publicacións internacionais de moda

A sesión tivo lugar no marco das xornadas académicas da exposición Con-fío en Galicia que se pode visitar no Museo Centro Gaiás ata o 11 de setembro
 

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2016.- A Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta mañá, no marco das xornada académicas da exposición ‘Con-fío en Galicia’, unha máster class de Manuel Outumuro (Ourense, 1949), un dos grandes fotógrafos de moda en España, que revisou a súa biografía e reflexionou sobre a evolución da fotografía de moda durante as últimas décadas, analizando as relacións entre a fotografía de autor, as grandes marcas e as publicacións especializadas.

Na súa intervención, Outumuro subliñou a perda de control que os fotógrafos están a experimentar sobre os seus traballos e como a influencia das grandes cabeceiras de moda internacionais están a uniformizar todos os estilos, facendo cada vez máis excepcional a existencia de fotógrafos cun selo propio.

As fotografías de Outumuro reflicten a historia da moda nestes últimos vinte anos. Ademais de ser creador da imaxe gráfica e comunicación visual de grandes deseñadores, como fotógrafo publicou en revistas internacionais como Vogue, Elle ou Zest e españolas como Fotogramas, Telva, Woman, Elle ou Marie Claire, ademais de colaborar en xornais nacionais como El País ou La Vanguardia. Por diante da súa cámara pasaron, e seguen pasando, case todos os actores, actrices e directores do noso cine, así como un gran número de personalidades de diferentes ámbitos culturais.

Este ourensán afincado en Barcelona foi galardoado en varias edicións cos premios Lux de Oro da Asociación de Fotógrafos Profesionales e recibiu varios Laus Oro. Foi distinguido co premio ARI como mellor fotógrafo do ano 2002 outorgado pola Asociación de Editores de Revistas de Información. O seu estudo de Barcelona recibiu o Premio ACCA 2002 (Associació de Crítics d’Art de Catalunya) á iniciativa privada da recuperación do patrimonio.
 

Comparte