Nova: Actuacións de melloras na igrexa Vella de Marín
09/06/2016
Actuacións de melloras na igrexa Vella de Marín
Cultura apoiará á parroquia de Santo Tomé de Piñeiro para rematar a restauración do retablo maior
Marín (Pontevedra), 9 de xuño de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe a igrexa Vella de Marín, tamén coñecida como Santa María do Porto, un templo no que, segundo explicou o titular do departamento de Cultura da Xunta, se impulsarán melloras e actuacións de posta en valor de xeito inmediato. Así mesmo, a Consellería interesouse polo estado do retablo de Ánimas deste templo, de cara a poder plantexar no futuro unha restauración da súa estrutura, policromía e tallas.
A igrexa é un inmoble incluído no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia polo que, coa entrada en vigor da nova Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, pasará a formar parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, o que denota o seu notable valor. “Queda patente, polo tanto, - explicou Román Rodríguez- a importancia deste monumento, co que queremos comprometernos para garantir a súa conservación nas mellores condicións de cara ao futuro”. Esta modificación simplifica para a cidadanía e as administracións a categorización dos bens senlleiros do noso patrimonio, ao tempo que garante a protección máis aquelada para os mesmos.
Priorizar actuacións
En calquera caso o conselleiro sinalou que non se trata de actuacións de urxencia, dado que neste momento a Igrexa Vella de Marín está nun aceptable estado de conservación. “O labor da Consellería de Cultura e Educación é analizar as necesidades do patrimonio cultural galego, como estamos a facer neste caso, de cara a priorizar actuacións e ilas realizando a medida que as dispoñibilidades de orzamento nolo permitan”, explicou Román Rodríguez, ao tempo que remarcou o interese que esta igrexa ten.
De estilo barroco, a Igrexa Vella de Marín data do século XVIII e foi mandada construír polo Priorato de Oseira. Desde a súa edificación ata hoxe o templo foi sometido a diversas ampliación ata o remate definitivo coa construción da actual fachada e campanario. No seu interior alberga seis retablos, de estilos barroco e neoclásico.
Santo Tomé de Piñeiro
Por outra banda o conselleiro gabou o labor dos veciños e a parroquia, promotores da restauración do retablo da igrexa de Santo Tomé de Piñeiro (Marín).
Durante a primeira fase de restauración do retablo descubriuse, detrás do mesmo, unha pintura mural na ábsida da igrexa. Dado o interese e valor cultural da pintura, a parroquia propuxo adiantar o retablo uns centímetros de forma que fose posible conservar as pinturas e dalgunha forma velas, na súa posición orixinal. Segundo explicou o conselleiro, este achádego supón un incremento do custe da obra respecto do previsto orixinalmente, ata preto dos 50.000 euros, polo que a Consellería vai colaborar nestas melloras, co fin de que o labor desinteresadamente impulsado pola parroquia poda ser rematado este ano e que os veciños e visitantes poidan gozar do esplendor desta peza.
A igrexa de Santo Tomé de Piñeiro está construída sobre os alicerces dun antigo templo mosteiral. Posúe unha soa nave e ábsida poligonal pertencente ao s. XII, totalmente refeita. O retablo que está a ser restaurado é barroco de influencia portuguesa e destaca no conxunto do templo xunto coa ornamentación dos capiteis que sustentan os arcos faixóns da bóveda.