Nova: Unha exposición retrospectiva recorda a Antonio Taboada Ferradás ‘Willy’ no décimo cabodano do seu pasamento
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
10/06/2016
Unha exposición retrospectiva recorda a Antonio Taboada Ferradás ‘Willy’ no décimo cabodano do seu pasamento
Lalín, 10 de xuño de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, definiu a Antonio Taboada Ferradás ‘Willy’ como un “artista íntegro, un espírito libre e un activista cultural”, capaz de transmitir unha “visión cosmopolita na súa obra, pero sempre conservando a pegada identitaria das súas raíces rurais”. Así o subliñou con motivo do acto de apertura dunha exposición retrospectiva da obra do artista dezao, cando se cumpren dez anos do seu pasamento.
A mostra ‘Antonio Taboada Ferradás ‘Willy’ (1962-2006) – Unha técnica salvaxe’ é unha recompilación dos traballos do creador lalinense que, tras o seu falecemento, quedaron resgardados no seu estudio. Desde hai catro anos, os seus familiares e achegados comezaron a restaurar ditas obras co obxectivo de poder ser expostas de novo, un laborioso proceso que hoxe viu a luz no museo municipal Ramón Mª Aller.
Ademais, a exposición compleméntase cun amplo catálogo, que contou coa colaboración da Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura.
Valor da escultura galega dos anos 90
Tal e como transmitiu Román Rodríguez, ‘Willy’ non se pode clasificar en ningunha corrente creativa pola súa condición de ‘outsider’, entendido como un autor de estilo persoalísimo, fóra do mercado e das tendencias imperantes na súa época. Pese a ser un “espírito libre”, bebeu de moitas influencias plásticas coma Laxeiro, o seu curmán Antón Lamazares ou Paco Lareo, con quen puxo en marcha a fundación A Solaina de Piloño, unha das entidades de maior dinamismo cultural da comarca do Deza.
Cunha técnica e estilo propios, da man da súa motoserra, que o acreditan como un artista de ‘técnica salvaxe’, as súas obras –en palabras do conselleiro– “consolidárono como un dos valores da escultura galega nos anos 90”, posto que realizou multitude de exposicións por toda Galicia, Alacante, Santander, Florencia ou París.