Nova: Ledicia Costas e Xosé Fernández reciben en Boborás os XXXI Premios Antón Losada Diéguez

11/06/2016

Ledicia Costas e Xosé Fernández reciben en Boborás os XXXI Premios Antón Losada Diéguez

Boborás (Ourense), 11 de xuño de 2016.- Ledicia Costas e Xosé Fernández recibiron hoxe en Boborás os XXXI Premios Antón Losada Diéguez, que recoñeceron as súas obras ‘Un animal chamado néboa’ e ‘Vicente Risco. Mestre de mestres’ nas categorías de creación literaria e de ensaio e investigación, respectivamente.

Ambos os autores recibiron durante o acto de entrega, que tivo lugar no Pazo de Moldes, a felicitación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que se referiu aos seus traballos como “dúas obras que xa forman parte da biblioteca esencial galega”.

Respecto do galardón, o secretario xeral asegurou que traer á actualidade o nome de Losada Diéguez vinculado aos novos protagonistas da creación literaria e da análise da nosa realidade cultural é en si mesmo unha homenaxe”. “O nome que honramos con este premio –afirmou– é unha lembranza permanente da nosa historia; máis aínda este ano no que decidimos facer central da nosa axenda cultural o centenario da fundación das Irmandades da Fala”.

Un impulso anual á memoria de Losada Diéguez
Nese sentido, Anxo Lorenzo amosouse convencido de que “a memoria deste persoeiro, que comprometeu a súa enerxía nos proxectos máis importantes da galeguidade do primeiro terzo do século XX, recibe o impulso anual que lle cómpre a través dos premios que levan o seu nome, dunhas institucións implicadas coa sociedade e coa cultura de Galicia; e con autoras e autores de altísima calidade que merecen recibir o noso aplauso colectivo”.

En alusión ás obras gañadoras explicou que, en ‘Un animal chamado néboa’, a madurez de estilo de Ledicia Costas –abraiante, pola súa xuventude– se expresa a través dunha difícil exploración no máis escuro do colectivo humano, nun momento histórico especialmente duro, como o cerco de Stalingrado durante a Segunda Guerra Mundial”. “Pola súa vez –engadiu–, o de Xosé Fernández Fernández, que desenvolve habitualmente a súa tarefa no corpo de inspección docente da Consellería de Cultura e Educación, ofrécenos un estudo amplo e documentado sobre outra das grandes figuras da Xeración Nós, Vicente Risco”.

A Consellería de Cultura e Educación vén acompañando desde hai anos este Premio Antón Losada Diéguez, financiado pola Deputación de Ourense e polos Concello de Boborás e do Carballiño. Co fin de promover a creación literaria, a Consellería de Cultura e Educación apoia diversos certames de referencia, como o Premio de Poesía Afundación, o Premio Narrativa Breve Repsol, o Premio de Poesía Gonzalo López Abente, o Premio de Poesía Concello de Carral e o Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro.

Comparte