Nova: A planificación estratéxica centra a I Xornada Profesional de Museos

15/06/2016

A planificación estratéxica centra a I Xornada Profesional de Museos

O conselleiro de Cultura instou a seguir dando pasos neste eido e impulsar unha Lei de museos co fin de regular a súa planificación futura e modernización

O encontro, promovido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, servirá para intercambiar experiencias e reforzar a cooperación

Ao longo desta xornada intervirán algúns dos responsables dos principais centros de xestión autonómica e, como remate, organizarase unha visita guiada polo das Peregrinacións

  • O conselleiro abriu a I Xornada Profesional de Museos O conselleiro abriu a I Xornada Profesional de Museos
  • O conselleiro abriu a I Xornada Profesional de Museos O conselleiro abriu a I Xornada Profesional de Museos
  • O conselleiro abriu a I Xornada Profesional de Museos O conselleiro abriu a I Xornada Profesional de Museos

Santiago, 15 de xuño de 2016.- O Museo das Peregrinacións e de Santiago acolle a I Xornada Profesional de Museos, promovida pola Consellería de Cultura e Educación a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultura, baixo o lema ‘A planificación como estratexia de futuro’. O conselleiro Román Rodríguez, que abriu este foro sectorial, lembrou precisamente a aposta do seu departamento pola planificación estratéxica e a cooperación como ferramentas para converter os museos galegos nun recurso cultural e económico.

Así mesmo, o conselleiro explicou que este encontro busca crear un punto de reflexión no que se intercambien experiencias, se reforcen os lazos de cooperación entre os diferentes museos galegos e se aborden os próximos retos que presenta este ámbito. Neste sentido, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia subliñou a necesidade de que estas institucións se adapten aos novos tempos, co fin de dar resposta ás demandas da sociedade e aos desafíos vindeiros.

Lei de museos
Segundo subliñou, “os museos están chamados a ser unha peza fundamental da Galicia do futuro” e, neste sentido, apostou por continuar coa “senda para modernizar a regulación lexislativa dos elementos culturais”. Deste xeito, instou a seguir dando pasos neste eido e abordar o reto dunha nova Lei de museos, co fin de regular e impulsar a planificación estratéxica de futuro destas institucións, así como a súa modernización.

Preto dunha decena de intervencións
A xornada está dirixida a profesionais e técnicos dos museos, sobre todo de aqueles que forman parte do Sistema Galego de Museos, para facer unha posta en común da situación actual, escollendo algúns modelos e casos entre os museos xestionados pola Consellería que se atopan nun proceso de cambio.

Neste sentido, o foro contará coa intervención dalgúns dos responsables dos principais centros museísticos de xestión autonómica, como o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo Massó de Bueu, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo do Castro de Viladonga e o Museo das Peregrinacións e de Santiago. Os diferentes representantes destas institucións expoñerán e compartirán entre os profesionais dos museos e coleccións visitables de Galicia as experiencias que se están a acometer, para animar a outros a emprender novos camiños e retos.

Neste sentido, César Llana Rodríguez, do Museo Etnolóxico de Ribadavia, ofrecerá unha intervención sobre ‘O diagnóstico estratéxico e a formulación conceptual do Museo de Ribadavia’. Posteriormente intervirá Covadonga López de Prado Nistal, do Museo Massó, cunha charla baixo o título ‘O museo que medrou dentro dunha fábrica de conservas: o programa arquitectónico do Museo Massó’. Ás 10,45 horas falará Xulio Rodríguez González, do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, mentres que ás 12,00 será a quenda de Isabel Pesquera Vaquero, do Museo das Peregrinacións, cunha conferencia sobre ‘As coleccións no punto de mira: o programa de coleccións’.

Inmediatamente despois, o director do dito museo, Bieito Pérez Outeriño, dará unha charla que leva por título ‘Un novo museo unha nova mensaxe: programa e proxecto expositivo’. Ás 13 horas, Álgeles Penas Truque, do Museo de Belas Artes da Coruña, falará sobre os ’20 anos de programas de difusión’, mentres que media hora despois, Elena Varela Arias, do Museo do Castro de Viladonga, fará o propio na súa intervención ‘Programas de conservación e investigación: a importancia da investigación e conservación nun museo de sitio’.

A xornada finalizará coa intervención de Nuria Serrano Téllez, do Servizo de Museos, cuxa conferencia leva por título ‘Planificación e Sistema Galego de Museos’. Aínda que este será o remate da acción formativa, o público xeral –previa inscrición gratuíta– poderá visitar a exposición permanente do Museo das Peregrinacións.

Promover unha xestión eficaz
Cómpre lembrar que os museos son institucións culturais que deben adaptarse aos novos tempos, polo que precisan da aplicación de métodos e ferramentas de xestión que lles permitan desenvolverse, tendo en conta as demandas da sociedade e os retos de futuro.

Neste contexto, a consellería convoca estas primeiras xornadas de formación para transmitir a importancia da planificación museística, considerada como un medio para acadar unha xestión responsable e eficaz dos museos, do patrimonio que custodian e da súa relación coa sociedade.

Comparte