Nova: Un total de 600.000 euros de axuda para a produción de 26 espectáculos galegos de carácter escénico

22/07/2014

Un total de 600.000 euros de axuda para a produción de 26 espectáculos galegos de carácter escénico

Recibirán esta achega económica co obxectivo de fomentar a presenza nos escenarios de novas montaxes

 

Santiago, 22 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou hoxe a resolución das subvencións á actividade escénica da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), pola que se adxudican 600.000 euros á produción dun total de 26 novos espectáculos galegos de distintos formatos e estilos.

A dotación destas axudas para 2014 supón un incremento do 17,65 por cento respecto dos 510.000 euros investidos o pasado 2013 neste mesmo concepto, outórgase en réxime de concorrencia competitiva e distribuirase entre as anualidades de 2014 e 2015. Esta liña de apoio ao sector escénico forma parte do programa xeral de subvencións ás industrias culturais da Consellería de Cultura e Educación que, para o caso concreto da dinamización da escena galega, se completa con outras convocatorias destinadas especificamente a distribución, salas privadas, festivais e asociacionismo profesional.

Tal como se establecían nas bases, a resolución diferenza as propostas presentadas por empresas de nova creación, situando o límite de antigüidade en cinco anos e o de orzamento en 20.000 euros. Para o resto dos casos, as categorías veñen determinadas polo tamaño da produción para a que se solicita o apoio: espectáculos de pequeno formato, cun máximo de tres intérpretes en escena e 30.000 euros de orzamento; de mediano formato, cun elenco de entre catro e sete intérpretes e que no superen os 60.000 euros; e de gran formato, con máis de sete intérpretes e 80.000 euros como límite orzamentario.

Espectáculos beneficiarios
As contías que percibirán as compañías oscilan entre os 50.000 euros adxudicados á compañía Voadora para a montaxe de ‘A Tempestade’, dentro do apartado de gran formato; ata os 6.175 euros cos que contará o artista Antón Coucheiro para a súa proposta titulada ‘Psicópata’, como compañía de nova creación.

A listaxe de beneficiarios contempla na categoría de nova creación un total de seis pezas: ‘Perplexo’, presentada por Laura Míguez (17.000 euros); ‘Balor na acción dunha cadeira’, por Laura Villaverde (13.928); ‘Psicópata’, de Antón Coucheiro (6.175); ‘Eu encargábame dos nenos e o meu home da parte dos gastos’, de Victoria Pérez (12.743,60); ‘Ohmio’, de Rubén Vilanova (15.298,39); e ‘Roedores’, de Redrum Producciones (15.940,85).

Na modalidade de pequeno formato os 13 beneficiarios son Títeres Cachirulo, con ‘Xeado de lúa’ (20.100 euros); Producciones Teatrais Excéntricas con ‘Bobas e galegas’ (22.499,83); Chévere con ‘As fillas bravas’ (13.766,50); Emedous-Tantakka con ‘O crédito’ (22.500); Talía con ‘Demolición’ (22.500), Teatro do Noroeste con ‘Selección Natural’ (19.758,27); Ignacio Vilariño con ‘Pedro e o lobo’ (21.000); Ningures con ‘O ogrocho’ (16.000); Tanxarina con ‘A casa do avó’ (17.243,02); Artestudio Xestión Cultural con ‘Xoga’ (18.478,34); a compañía de danza Neodans con ‘Sazón’ (17.315,08 euros); Baobab con ‘Luppo’ (16.436,63); e Teatro Ensalle con ‘Las calles corrían por las calles’ (17.884,70 euros).

Como obras de mediano formato, Elefante Elegante con ‘Kassa’ recibirá 45.000 euros, Sarabela con ‘Pequenas certezas’ outros 45.000; Atlántico con ‘O Principio de Arquímedes 41.759,84; Viravolta Títeres con ‘Peer Gynt 29.400; e Abrapalabra con ‘Ra Ra Ra’ 34.293,41 euros.

Por último os espectáculos seleccionados e as contías especificadas para os espectáculos de gran formato son ’A Tempestade’, de Marta Pazos (Voadora), que percibirá 50.000 euros e ‘A frauta máxica no maxín’, de Kukas Producións, para a que se concederon 27.480,19 euros.

Fomento da presenza galega nos escenarios
O obxectivo destas subvencións é fomentar a presenza nos escenarios de novos espectáculos, en calquera das modalidade e disciplinas escénicas, estreados por compañías profesionais galegas entre o 1 de abril de 2014 e o 31 de marzo de 2015.

Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación asumirá parte dos custos xerados durante a fase previa á estrea das propostas, apoio que non poderá superar o 85% do orzamento total da produción no caso das montaxes subvencionadas na modalidade de empresas de nova creación e o 75%, no das tres categorías restantes.

 

Comparte