Nova: As Feiras do Libro de Galicia chegan por primeira vez a Redondela

16/06/2016

As Feiras do Libro de Galicia chegan por primeira vez a Redondela

A programación desta cita co libro e coa lectura terá como protagonista “a muller na palabra”

Fina Casalderrey, Yolanda Castaño, María Xosé Queizán e María Solar son algunhas das autoras que participarán na feira desde hoxe e ata o 19 de xuño
 

  • As Feiras do Libro de Galicia chegan por primeira vez ao concello de Redondela As Feiras do Libro de Galicia chegan por primeira vez ao concello de Redondela

Redondela (Pontevedra), 16 de xuño de 2016.- As Feiras do Libro de Galicia chegan este ano por vez primeira a Redondela. Desde hoxe e ata o 19 de xuño, a Alameda do concello pontevedrés será o escenario desta nova cita co libro e coa lectura, promovida pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, e que conta co apoio do Concello de Redondela e da Deputación de Pontevedra.

A programación, que foi presentada en rolda de prensa, preséntase baixo o título “A muller na palabra” e contará coa participación dalgunhas das voces de referencia da literatura galega actual, como Fina Casalderrey, María Solar, Yolanda Castaño, Iolanda Zúñiga e María Xosé Queixán. Esta última será a encargada de abrir o programa da primeira edición da feira do libro de Redondela, que ofrecerá durante catro días preto de 20 actividades para lle achegar á cidadanía o libro e a lectura.

Celebración colectiva arredor do libro
“Desde a Xunta de Galicia dámoslle a benvida ao municipio de Redondela a esta celebración colectiva que conta coa implicación imprescindible dos nosos libreiros e libreiras, que converterán a Alameda do concello nunha fiestra aberta á produción editorial máis recente”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen recordou que a cita de Redondela e mais a do Porriño –o pasado mes de maio– son “as dúas novas incorporacións do calendario das Feiras do Libro de Galicia 2016”.

Tamén se referiu á importancia do concello pontevedrés na difusión do libro, ao tempo que puxo en valor o labor do servizo bibliotecario municipal a prol da dinamización da lectura.

Canda o secretario xeral participaron na rolda de prensa o alcalde de Redondela, Javier Bas; a deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Digna Rivas; a concelleira de Muller e Igualdade de Redondela, Teresa París; e Nani Regueira, en representación da Federación de Librarías de Galicia.

Obradoiros, contacontos, presentacións e sinatura de libros centran as propostas da programación da feira, que comezará o xoves, ás 20:15 horas, cun relatorio de María Xosé Queizán arredor das súas obras ‘Sentinela aberta’ (Edicións Xerais) e A boneca de Blanco Amor (Editorial Galaxia), e que rematará o domingo 19 de xuño, ás 19:00 horas, cun coloquio sobre a muller na literatura a cargo de Fina Casalderrey, Iolanda Zúñiga, Ana Tierra e Yolanda Castaño, como coordinadora.

Programación en 14 concellos
A Federación de Librarías de Galicia e a Secretaría Xeral de Cultura promoven as Feiras do Libro para favorecer o comercio editorial e a dinamización da lectura, cun calendario que este ano deu comezo o pasado mes de abril en Pontevedra e que proseguiu por Ferrol, O Porriño, Lugo e Ourense.

Logo do seu paso por Redondela, as Feiras do Libro de Galicia chegarán a Ribeira (do 23 ao 26 de xuño), a Vigo (do 1 ao 10 de xullo), a Rianxo (do 21 ao 24 de xullo), á Coruña (do 1 ata o día 10 de agosto), a Viveiro (do día 12 ao 15 de agosto); a Foz (do 18 ao 21 de agosto); e, finalmente, a Monforte de Lemos (do día 24 ao 27 de agosto).

Comparte