Nova: cultura.gal será un dos primeiros dominios xenéricos con apelido galego na rede

22/07/2014

cultura.gal será un dos primeiros dominios xenéricos con apelido galego na rede

Activarase o vindeiro 25 de xullo, Día de Galicia, xunto coas de turismo, lingua, tecnoloxía e outras direccións institucionais da Xunta

  • logo '.gal'

Santiago, 22 de xullo de 2014.- A Xunta encabeza as direccións pioneiras con dominio galego puntoGAL, tanto desde o punto de vista institucional como cultural. Así, a Administración autonómica activará o vindeiro día 25, o Día de Galicia, un novo espazo que conmemora esta xornada: a web 25dexullo.gal. Xunto con isto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará a este dominio o da Secretaría Xeral de Política Lingüística (lingua.xunta.es) e o da Secretaría Xeral de Cultura (cultura.xunta.es), que comezarán a funcionar baixo apelido galego tamén este mesmo venres, 25 de xullo.

Con estas novas webs a Xunta súmase ás institucións pioneiras que empregarán por primeira vez o dominio galego. En total serán nove as direccións que o Goberno galego achega á fase Pioneiros de activación do puntoGAL.

A Administración autonómica priorizou tres áreas claves para Galicia para estrear o novo dominio en galego: lingua.gal, cultura.gal e turismo.gal que dirixirán aos internautas ao noso web cultura.xunta.es, e aos xunta.es/a-lingua-galega, turgalicia.es e amtega.xunta.es., canda á axendadixital.gal serán os primeiros dominios xenéricos con apelido galego na rede. Canda elas, a Xunta de Galicia porá en marcha outros cinco enderezos que se suman ao dominio puntoGAL: 25dexullo.gal (que compilará a historia das Medallas de Galicia), galicia.gal, goberno.gal, atriga.gal (Axencia Tributaria de Galicia) e presidente.gal.

Logro histórico
A consecución do dominio puntoGAL é un fito histórico, froito do apoio de toda a sociedade galega, a unha iniciativa impulsada pola Asociación PuntoGal hai oito anos. Ao obxectivo de acadar un dominio en galego se adheriron máis máis de 14.000 cidadáns, 114 institucións das máis diversas disciplinas, xunto con máis de 20 centros de emigrantes doutras comunidades autónomas e doutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai ou Brasil.

A Xunta de Galicia apoiou esta candidatura institucional e financeiramente desde o convencemento de que este investimento redundará en beneficio da Comunidade a curto prazo e contribuirá á proxección de Galicia a través do medio máis global e inmediato que existe: a Internet.

Fases da posta en marcha de puntoGAL
A Asociación PuntoGal estableceu tres fases para solicitude do dominio. O 25 de xullo 90 nomes pioneiros terán selo galego na rede. Será a primeira das fases, o programa Pioneiros, que porá na rede un grupo reducido e significativo de dominios, en base a criterios de visibilidade e notoriedade.

Entre setembro e novembro a segunda fase, Abrente, permitirá que aquelas entidades tanto públicas como privadas poidan exercer o seu dereito preferente de solicitar un dominio. Simultaneamente ao Abrente desenvolverase o proceso de Carreira, no que aqueles interesados en dominios sen prioridade de especial interese poderán ter a súa oportunidade de solicitalo. A comezos de decembro abrirase o rexistro libre de dominios por parte do público xeral.  

Comparte