Nova: Siro López recupera a figura do caricaturista Cao Luaces

22/06/2016

Siro López recupera a figura do caricaturista Cao Luaces

A iniciativa forma parte dun proxecto promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e polo Club de Prensa de Ferrol para dar a coñecer este esquecido artista galego

Un ciclo de conferencias e unha exposición difunden nas catro provincias, ata final de ano, a obra do que está considerado o patriarca da caricatura arxentina

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2016.- Poñer en valor e dar a coñecer a figura do debuxante galego José María Cao Luaces é o principal obxectivo da programación posta en marcha este ano pola Secretaría Xeral de Cultura, en colaboración co Club de Prensa de Ferrol, arredor do galego José María Cao Luaces, un destacado debuxante nacido en Cervo en 1862 e que está considerado o patriarca da caricatura arxentina.

No marco desta iniciativa, o debuxante e xornalista Siro López visitará hoxe mércores, ás 19:00 horas, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola para dar a coñecer a valiosa obra deste artista lucense que emigrou a Buenos Aires con 25 anos. Nunha conferencia que comezará ás 19:00 horas, Siro López abordará a frutífera traxectoria e analizará a calidade técnica de Cao Luaces, unha figura que, malia a súa relevancia nas artes plásticas, é aínda escasamente coñecida en Galicia.

Dan man do recoñecido debuxante Siro López, o público terá ocasión de descubrir o talento e a habelencia doutro debuxante galego excepcional que se erixiu como un dos grandes creadores desta forma de arte no seu tempo a través dun ciclo de conferencias que celebra en Pontevedra a súa segunda sesión, logo da inicial do pasado 6 de xuño na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

A obra de Cao Luaces, en itinerancia por Galicia
A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, o día 10 de novembro, e mais á galería Sargadelos de Cervo, terra natal de Cao Luaces, o 29 de novembro, serán as próximas paradas deste ciclo de conferencias, que complementa a exposición itinerante ‘José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina’, que se pode visitar estes días e ata o 10 de xullo na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola.

As próximas paradas da exposición serán en Ourense, onde permanecerá do 12 de xullo ao 7 de agosto na sala José Ángel Valente; na Biblioteca Pública de Lugo, do 2 ao 28 de setembro; na Casa da Cultura de Melide, do 30 de setembro ao 25 de outubro; na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, do 27 de outubro ao 27 de novembro; e na sala de exposicións de Sargadelos en Cervo, onde rematará a itinerancia entre o 29 de novembro e o 20 de decembro.

A través dunha escolma de obras, a mostra recupera o legado e actualiza a figura deste esquecido artista de Cervo, que contribuíu decisivamente a que a ilustración arxentina eclosionase no final do século XIX e comezos do XX.
 

Comparte