Nova: Entrega dos premios de microrrelatos Letras Galegas 2016, que promoven a dinamización social do idioma

27/06/2016

Entrega dos premios de microrrelatos Letras Galegas 2016, que promoven a dinamización social do idioma

Gael Pérez, Sergio Aller, Rosa Pérez e Andrea Fernández foron os gañadores desta quinta edición, na que participaron 170 persoas

Esta iniciativa enmárcase dentro dos obxectivos 2015-2020 no tecido económico, que pretenden estender o uso do galego no sector empresarial e, en consecuencia, en toda a sociedade
 

  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega de premios que outorga Feiraco O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega de premios que outorga Feiraco
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega de premios que outorga Feiraco O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega de premios que outorga Feiraco

Ames (A Coruña), 27 de xuño de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na entrega de premios que outorga Feiraco, en colaboración coa Consellería, con motivo da quinta edición do concurso de microrrelatos Letras Galegas 2016. Os galardoados nesta ocasión foron Gael Pérez, por ‘Coma por coma’; Sergio Aller, por ‘Maldita palabra’; Rosa Pérez, por ‘Incompetencia amatoria’; e Andrea Fernández, por ‘Vellez namorada’.

O primeiro clasificado recibiu unha Enciclopedia Galega Universal, un lote de libros de literatura en lingua galega e un lote de produtos Feiraco. Os premiados co segundo, terceiro e cuarto galardón tamén foron agasallados coa dita Enciclopedia e mais co lote de produtos lácteos.

Un total de 170 participantes
Para poder participar neste certame, que acadou unha importante participación ao pasar dos 103 inscritos o ano pasado aos 170 desta edición, era preciso estar rexistrado en Facebook como fan da fábrica e compartir na aplicación do concurso un microrrelato orixinal, escrito en galego, cunha extensión máxima de 500 caracteres e que comezara coa frase “Levamos toda a nosa vida amando a palabra”, dun poema de Manuel María, autor homenaxeado este ano coas Letras Galegas.

Impulso do galego na empresa
Esta iniciativa axuda a visibilizar o compromiso de Feiraco co idioma propio, así como a estender o seu uso entre a sociedade en xeral. Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación elaborou, en colaboración cos diferentes sectores implicados, o Plan de dinamización da lingua no tecido económico 2015-2020, orientado a fomentar a utilización do galego no mundo da empresa, tendo en conta o efecto multiplicador que podería xerar na sociedade.

Así mesmo, tamén está traballando nun Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade, co fin de potenciar o galego como a lingua de relación na mocidade, reforzar a utilización do idioma entre os galegofalantes e proporcionarlle modelos lingüísticos galegófonos de referencia aos mozos e mozas de orixe castelanófona.

Diversas campañas no ámbito cultural e educativo
Pola súa banda, Feiraco constitúe desde a súa fundación un exemplo de compromiso empresarial, tanto nos seus valores e métodos de traballo dirixidos á vertebración do tecido social e do desenvolvemento económico, como noutras actividades con proxección social que a cooperativa leiteira leva posto en marcha ao longo a da súa historia. Exemplos da súa aposta pola identidade patrimonial, cultural e tradicional son as campañas implementadas coincidindo coa celebración de efemérides anuais como poden ser as Letras Galegas, o entroido ou as postas en marcha en colaboración co ámbito educativo para achegarlles a realidade dos procesos produtivos a escolares de toda Galicia, no marco das súas accións de responsabilidade social.

Comparte