Nova: A Biblioteca de Galicia exhibe mapas de gran valor cartográfico doados por Rodolfo Núñez de las Cuevas

23/07/2014

A Biblioteca de Galicia exhibe mapas de gran valor cartográfico doados por Rodolfo Núñez de las Cuevas

Destacan a primeira folla do Mapa Topográfico Nacional, un mapa utilizado polo xeneral Eisenhower tras o desembarco de Normandía ou o ‘Hispaniae veteris descriptio’ de 1586

 

  • mapa Hispaniae Veteris Descriptio, da colección Vilardevós mapa Hispaniae Veteris Descriptio, da colección Vilardevós
  • Xesús Vázquez na inauguración da exposición 'Vilardevós' Xesús Vázquez na inauguración da exposición 'Vilardevós'
  • Xesús Vázquez na inauguración da exposición 'Vilardevós' Xesús Vázquez na inauguración da exposición 'Vilardevós'
  • Xesús Vázquez na inauguración da exposición 'Vilardevós' Xesús Vázquez na inauguración da exposición 'Vilardevós'

Santiago, 23 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta mañá na Cidade da Cultura a exposición Vilardevós, unha mostra conformada por unha escolma de mapas de gran valor procedentes da colección cartográfica e da biblioteca que Rodolfo Núñez de las Cuevas lle doou recentemente á Biblioteca de Galicia.

A doazón deste material por parte deste enxeñeiro-xeógrafo, que fora director xeral do Instituto Xeográfico Nacional, supón para a Biblioteca de Galicia a incorporación dun inestimable fondo de variada especialización, vinculado á cartografía, á topografía e ciencias afíns, e conformado, segundo explicou o conselleiro, “por máis de 3.000 monografías e folletos, unhas 206 coleccións de publicacións seriadas, 90 atlas e máis de 700 mapas, que foron reunidos por Núñez de las Cuevas desde 1953 ao longo da súa dilatada carreira profesional como enxeñeiro xeógrafo e docente”.

A exposición, que se poderá visitar ata o vindeiro 14 de setembro na aula 2 da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, inclúe exemplos variados e representativos de distintas épocas, ámbitos, contornos históricos, tipos de cartografía e técnicas utilizadas para a súa elaboración, co fin de dar unha visión xeral e, ao mesmo tempo instrutiva, tanto da colección como do mundo da cartografía.

Exemplares únicos
Trátase dunha pequena, pero moi representativa mostra deste importante fondo que se centra na colección cartográfica de Núñez de las Cuevas, conformada por 25 mapas, varios deles exemplares únicos. Entre os documentos máis singulares o conselleiro, que estivo acompañado por Núñez de las Cuevas e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a primeira folla do Mapa Topográfico Nacional, a obra fundamental do Instituto Xeográfico Nacional, que comezou a elaborarse en 1857 e a publicarse en 1875. Se ben España foi pioneira no inicio da publicación dun mapa topográfico nacional, o proceso de elaboración prolongaríase ata 1968.

Outro dos documentos da mostra, único por ter as divisións de Alemaña debuxadas a man, é un mapa utilizado polo Estado Maior do xeneral Eisenhower no que se indican as liñas de accións dos distintos corpos do exército Aliado tras o desembarco de Normandía, un documento que foi conservado moitos anos en Estados Unidos como material reservado.

Ademais, a mostra tamén reflicte a importancia da cartografía nos conflitos bélicos a través dos folletos ‘Topografía para el soldado’ e ‘Nociones sobre lectura de planos’, cos que se intentou instruír a tropa durante a Guerra Civil española sobre topografía, co fin de mellorar os movementos estratéxicos ou coñecer as posibles defensas do inimigo.

Vázquez Abad tamén fixo referencia a exemplares únicos por estaren coloreados a man, como un plano das rías de Ferrol, A Coruña e Betanzos de 1787, de especial beleza e precisión levantado polo brigadier da Armada Vicente Tofiño; ou o ‘Hispaniae veteris descriptio’, de 1586, nos que se presentan tanto o relevo, arboredo e hidrografía destacadas, como a toponimia en latín e se representan as cidades con conxuntos de edificacións segundo a súa importancia.

“En definitiva, mostras moi representativas da historia da cartografía e da súa evolución ao longo dos séculos, que nos dan a mesmo tempo conta da importancia desta ciencia na vida do home e mesmo do afán do ser humano de ir reflectindo no papel a súa evolución como pobo, os seus destinos de lecer ou as novas fronteiras conquistadas”, resumiu o conselleiro.

Tras o acto de inauguración, o auditorio da Biblioteca de Galicia acolleu a conferencia ‘A cartografía no contexto político español desde Felipe V a Felipe VI’, impartida por Rodolfo Núñez de las Cuevas.

Rodolfo Núñez de las Cuevas
A biblioteca de Rodolfo Núñez de las Cuevas é o resultado da súa longa carreira profesional como enxeñeiro-xeógrafo e como docente, ámbitos nos que chegou a conseguir os escalafóns máis elevados. Foi catedrático de Representación Cartográfica na Universidade Politécnica de Madrid e Director Xeral do Instituto Xeográfico Nacional, entidade na que ademais ocupou diversas prazas desde o seu ingreso no ano 1957.

Entre outros importantes nomeamentos foi Vicepresidente da Asociación Cartográfica Internacional ou Presidente do Comité de expertos en Cartografía, Estatística e Terminoloxía do Consello de Europa.
 

Comparte