Nova: Públicase a obra póstuma de Manuel Dourado que relata a viaxe clandestina a Galicia do busto de Castelao
23/07/2014
Públicase a obra póstuma de Manuel Dourado que relata a viaxe clandestina a Galicia do busto de Castelao
O primeiro retorno de Castelao edítase con motivo do 25º aniversario do pasamento do rianxeiro máis universal e narra un dos capítulos máis intensos da recuperación da súa figura
Rianxo (A Coruña), 23 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou este serán no concello de Rianxo na presentación do libro O primeiro Retorno de Castelao. A obra é unha publicación póstuma de Manuel Dourado Deira que respecta as indicacións dadas por el para a súa edición, mesmo do papel e do tamaño de letra. O traballo está concibido por este mestre exemplar, dinamizador cultural de referencia e gran valedor da familia Castelao como un tributo persoal ao autor de Sempre en Galiza, a Rianxo e a Galicia.
O volume, prologado pola Consellería, narra un dos capítulos máis intensos da recuperación da figura do rianxeiro en Galicia: a viaxe clandestina que fai a Rianxo en 1975 o busto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao doado polo Padroado de Cultura Galega de Montevideo, en tempos da ditadura, e que hoxe pode verse no Paseo da Ribeira. Xesús Vázquez Abad afirmou que esta iniciativa “rescata a memoria dunha persoa de xenialidade humilde e intensa como Manuel Dourado, capaz de transmitirnos a emoción pola figura esencial de Castelao, quen cubriu pasos longos na evolución da nosa identidade”.
O titular de Cultura e Educación salientou que “é importante que os símbolos comúns da nosa sociedade –e Castelao é un símbolo fundamental- tomen valor entre nós dun xeito perdurable, e que a súa imaxe poida percibirse por riba de individualismos”. Ademais, o conselleiro agradeceu ao Concello de Rianxo o seu apoio ao proxecto, así como aos editores e á propia familia de Dourado Deira, un home “vinculado sempre á raíz da nosa expresión en da nosa personalidade”.
Xornalista e mestre
Dourado Deira naceu en Rianxo no seo dunha familia labrega humilde. Grazas ao seu empeño por ser autodidacta e á axuda do Mestre José Brandín Figueira conseguiu licenciarse en Dereito e en Maxisterio, facendo da docencia a súa verdadeira vocación, profesión que exerceu de forma parella co xornalismo. Entre as súas publicacións destaca o libro Conversas con Teresa Castelao (irmá de Alfonso Daniel R. Castelao) polo que gañou o premio de periodismo Ruta Xacobea 1991.