Nova: Música rock, punk e clásica para o Atardecer no Gaiás desta semana
20/07/2016
Música rock, punk e clásica para o Atardecer no Gaiás desta semana
Marc Jonson, Papaya e a Orquestra de Cámara son os músicos protagonistas dos concertos
O cantautor norteamericano chega ao Gaiás na súa primeira visita por Europa, e estará no escenario acompañado de Víctor Ramírez e Skylar Gudasz
A praza central acolle o venres o punk indie de Papaya e o sábado terá lugar o primeiro dos dous concertos da Orquestra de Cámara, dirixida por Rogelio Groba
Santiago, 20 de xullo de 2016.- Rock, punk e clásica. Este é o cóctel musical que ofrece para esta semana o ‘Atardecer no Gaiás’, o ciclo de concertos e música ao aire libre coa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lle pon banda sonora aos solpores do verán.
‘Atardecer no Gaiás’ arranca este xoves, 21 de xullo, cunha tripla cita con Marc Jonson & Friends. Sobre o escenario da praza central, o cantautor de culto norteamericano Marc Jonson aterra por primeira vez en Galicia na compañía dun dos seus principais seguidores: o inquedo músico e cantante Víctor Ramírez. Jonson publicou o seu primeiro disco, Years, en 1972, con Vanguard Records, o prestixioso selo de Joan Báez.
Autor de cancións de múltiples artistas como Robert Gordon ou Paul Butterfield, Jonson fíxose co galardón ao mellor cantautor novel nos premios New York Music/BMI e compuxo e interpretou temas para bandas sonoras de Disney como ‘Buscando a Nemo’, ‘Cars’ ou ‘Ratatouille’. Víctor Ramírez, pola súa banda, vén de gravar xunto a Marc Jonson dous singles que serán o adianto do seu novo traballo: Suddenly Sunshine. Xunto a eles estará no escenario Skylar Gudasz, unha nova promesa chegada de Carolina do Norte, que interpretará no Gaiás algúns temas do seu primeiro disco: Oleander.
O venres será a quenda de Papaya. De brillante promesa a grupo emerxente do ano, a banda liderada liderada pola canaria Yanara Espinosa, chega ao Gaiás para ofrecernos o seu punk indie a través dos temas do seu primeiro disco: ‘No me quiero enamorar’. Os temas, ademais de ter como claro referente o pop dos 80', en especial o latinoamericano, a new wave, a música beat dos 60', os ritmos exóticos e os arranxos orquestrais de ‘guateque’, destacan fundamentalmente por ser elegantes e sensuais, xogando constantemente á sedución e nos que cada canción é un encontro, nun bar, nunha cea, nunha festa, na rúa...
A última cita da semana terá lugar o sábado, 23 de xullo, cun dos imprescindibles de ‘Atardecer no Gaiás’: a Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba. A do sábado será a primeira das dúas citas que a OCGa ten co ciclo, cun concerto titulado ‘A bailar’, no que se realizará un percorrido desde a música concibida para ser bailada, desde o Barroco ata os nosos días.
Todas as sesións de ‘Atardecer no Gaiás’ teñen lugar ás 21:00 horas na praza central e podedes consultalas na Axenda de Cultura de Galicia. A entrada é libre e de balde.