Nova: O Gaiás acollerá a biblioteca e o arquivo persoal da escritora e académica Luz Pozo Garza
27/07/2016
O Gaiás acollerá a biblioteca e o arquivo persoal da escritora e académica Luz Pozo Garza
A poetisa lucense doou este valioso material á Biblioteca de Galicia en prol dun acceso público a esta obra e da súa mellor conservación e mantemento
Santiago, 27 de xullo de 2016.- A Biblioteca e o Arquivo de Galicia, situados na Cidade da Cultura, albergarán a biblioteca e o arquivo persoal da poeta lucense e académica da lingua galega Luz Pozo Garza. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quixo agradecerlle hoxe á autora, nun acto que tivo lugar esta tarde no Gaiás, “a súa xenerosidade, amosada coa entrega sen condicións do seu enxoval literario”, e que demostra “a altura de miras” desta autora, “amosada ao longo da súa intensa e prolífica vida”.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que este legado excepcional que supón a biblioteca e o arquivo de Luz Pozo se suma á recente entrega de 3.000 volumes da obra de Basilio Losada e da hemeroteca da Fundación Barrié, composta por 125 mil exemplares de periódicos e 6.800 volumes encadernados, ademais doutros fondos de autor que no seu día foron depositados nesta Biblioteca de Galicia como o de Sixto Seco, o de Núñez de las Cuevas ou o de Celso Collazo.
Unha obra que pasa, toda ela, “á libraría colectiva de todos os galegos que conforma esta Biblioteca de Galicia”, un espazo pensado como centro de preservación do patrimonio bibliográfico, e obrigada por Lei a conservar polo menos un exemplar de todo canto se publica en Galicia.
Conservación e difusión
A través do acto de doazón, a Biblioteca e o Arquivo de Galicia comprométense a manter unida a colección bibliográfica e o arquivo documental de Luz Pozo Garza para a súa custodia, conservación, consulta, estudo, exhibición e difusión. Así mesmo, catalogará todos os fondos e procedera á dixitalización daqueles que posúan valor histórico, rareza bibliográfica, orixinalidade ou calquera outro valor patrimonial ou cultural de especial interese, que serán tamén incorporados á Biblioteca Dixital de Galicia (Galiciana) e, a través dela, á Biblioteca Dixital Europea (Europeana).
O legado está conformado por arredor de 5.500 volumes, esencialmente de carácter literario e obras de consulta, ademais de por unha ampla documentación epistolar entre Eduardo Moreiras e Vicente Aleixandre. Así mesmo, está composto por exemplares da propia obra da escritora, así como por recortes de prensa e información publicada en diferentes medios sobre o seu legado literario desde que en 1948 publicou o seu primeiro poema. Todo o conxunto de fondos que compoñen a doazón estará identificado como ‘Biblioteca e Arquivo Luz Pozo Garza’.
Unha voz senlleira da poesía galega
Nada en Ribadeo en 1922, Luz Pozo Garza é membro numerario da Real Academia Galega e socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Entre os seus poemarios figuran títulos como ‘Ánfora’ (1949), ‘O paxaro na boca’ (1952), ‘Últimas palabras/ Verbas derradeiras’ (1975), ‘Concerto de outono’ (1981), ‘Códice Calixtinno’ (1986), ‘Prometo a flor de Loto’ (1992), ‘Medea en Corinto’ (2002) ou ‘Rosa tántrica’ (2016).
Así mesmo ten publicado ensaios e numerosos artigos sobre Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Castelao, Dieste, Manuel Antonio e Franco Grande, entre outros.