Nova: Francisco Pazos Martínez gaña o III Certame de Escultura Francisco Asorey
28/07/2016
Francisco Pazos Martínez gaña o III Certame de Escultura Francisco Asorey
A peza Menhir con buxardos do artista de Meaño foi galardoada co primeiro premio entre as 63 obras presentadas este ano, un 50% máis que en 2015
O xurado do certame, organizado pola Asociación Cultural Francisco Asorey co apoio de Cultura, concedeulles senllos accésits a Rodrigo Domínguez e a Augusto Fernández Arana
Cambados (Pontevedra), 28 de xullo de 2016.- O artista Francisco Pazos Martínez (Meaño, 1961) fíxose co primeiro premio do III Certame de Escultura Francisco Asorey pola súa obra ‘Menhir con buxardos’. O nome do gañador deuse a coñecer esta tarde no pazo cambadés de Torrado coincidindo coa inauguración da exposición na que se exhiben as 16 obras finalistas do concurso, organizado pola Asociación Cultural Francisco Asorey co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O gañador recibiu as felicitacións do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en nome do Goberno galego, quen salientou como un motivo de satisfacción para as artes plásticas en Galicia a consolidación deste Certame de Escultura Francisco Asorey, que na súa terceira edición incrementou máis dun cincuenta por cento o número de obras participantes respecto do pasado ano”. Nese sentido, Anxo Lorenzo referiuse ás máis de 60 obras presentadas na edición de 2016 –por artistas galegos, do resto do Estado e internacionais– como “un reflexo da repercusión e mais do importante papel que vén desenvolvendo este premio, así como do destacado lugar que xa ocupa, por méritos propios, no panorama artístico”.
O secretario xeral tamén tivo palabras de recoñecemento para os artistas finalistas, “cuxa obra podemos contemplar hoxe nesta exposición que abre a súas portas en Cambados, terra natal do insigne escultor que lle dá nome ao certame e terra de orixe tamén doutras figuras de referencia da arte actual galega como o de Manolo Paz”.
Accésits para Augusto F. Arana e Rodrigo Domínguez
Xunto co primeiro premio, dotado con 5.000 euros, o xurado do certame –integrado pola presidenta da Asociación Cultural Asorey, María del Carmen Asorey; por Manuel Paz, por Carlos Valle e por Manuel Mosquera Cobián, actuación como secretario Vicente Pérez Otero– concedeulles cadanseu accésit a Augusto Fernández Arana (Cádiz, 1969) e mais Rodrigo Domínguez (O Barco de Valdeorras, 1989) polos traballos ‘A tía pequena’ e ‘Baco I’, respectivamente, que recibiron 1.000 euros cada un.
Co seu apoio ao premio, a Consellería de Cultura, Educación e O.U. promove a continuidade deste certame escultórico, creado en 2014, para favorecer a creación artística e recordar a figura do escultor Francisco Asorey.
No acto tamén interviñeron a presidenta da asociación promotora do certame, María del Carmen Asorey; xunto co deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística Xosé Leal Fariña, e mais o concelleiro delegado de Cultura do Concello de Cambados, Víctor Manuel Caamaño, en representación das restantes institucións implicadas nesta iniciativa.