Nova: Éxito do concurso ‘Galicia é auga’ do Gaiás, con 736 fotografías participantes nun mes e medio

25/07/2014

Éxito do concurso ‘Galicia é auga’ do Gaiás, con 736 fotografías participantes nun mes e medio

Os sete gañadores, que se deron a coñecer hoxe na web https://www.cidadedacultura.gal/, gozarán de fins de semana termais e aventuras en kaiak

 

  • Charca de arte Charca de arte
  • Espíritu Ariel Espíritu Ariel
  • Solidificación Solidificación
  • Auga fonte da vida Auga fonte da vida
  • Choiva Choiva
  • Calma no Miño Calma no Miño

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o éxito de participación do concurso fotográfico Galicia é auga do Gaiás, ao que se presentaron un total de 736 imaxes que optaron a facerse con algún dos 7 premios concedidos pola Cidade da Cultura, Coca Cola e Balnearios de Galicia, co apoio da Televisión de Galicia.

Ademais do alto número de fotografías presentadas, Galicia é auga rexistrou unha alta participación por parte dos usuarios na plataforma online, con preto de catro mil interaccións para elixir a imaxe gañadora do premio do público.

Cómpre recordar que o certame estaba dirixido a público non profesional xuvenil e adulto. Baixo o lema que dá nome ao evento, os participantes achegaron durante un mes e medio imaxes nas que se evoca a arte agochada na auga doce que baña Galicia: desde a choiva aos ríos, das fontes ás fervenzas, das charcas ás augas termais… seguindo a liña discursiva da exposición.

O departamento que dirixe Xesús Vázquez amósase satisfeito por esta iniciativa coa que se buscaba achegarlle ao público a exposición Auga Doce dunha forma lúdica e divertida, ao tempo que se lle convidaba a redescubrir a arte e a beleza que agocha un dos elementos máis definitorios de Galicia e reflexionar sobre a importancia do medio natural.

Listado de premiados
O xurado, que estivo formado por un representante da Fundación Cidade da Cultura, Coca Cola e Balnearios de Galicia, destacou a alta calidade das imaxes presentadas ao concurso.

Na categoría xuvenil, os gañadores foron: Fernando Canabal por ‘Charca de arte’, Ángela Silva Varela por ‘Solidificación’ e Laura Escadebas por ‘Auga, fonte de vida’. Por cortesía de Coca Cola, os tres poderán vivir unha experiencia única: unha aventura en kaiak polos Canóns do Sil xunto cunha estancia de fin de semana nunha casa rural da Ribeira Sacra.

Na categoría adulta, o xurado elixiu a José Francisco López López coa foto ‘Calma no Miño’, María Belén Rodríguez Pazo por ‘Espíritu Ariel’ e Juan Pérez por ‘Fóra do xogo’. Aos tres, Balnearios de Galicia regálalle unha fin de semana termal nalgún dos balnearios da cadea Caldaria: Arnoia, Laias ou Lobios.

O sétimo premio concedeuno o público cos seus votos, proclamando gañadora a María Rodríguez Pita por ‘Choiva’ cun total de 490 votos. O seu premio será, tamén, unha fin de semana termal por cortesía de Balnearios de Galicia.

Comparte