Nova: Accións de mellora nos espazos socioculturais de Curtis
23/08/2016
Accións de mellora nos espazos socioculturais de Curtis
O conselleiro Román Rodríguez e mais o alcalde do municipio asinaron hoxe un convenio de colaboración co fin de dotar dos materiais necesarios ao Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro, usado por diferentes asociacións da zona
Santiago, 23 de agosto de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mais o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, asinaron hoxe un convenio de colaboración para dotar de equipamento e mellorar as instalacións do Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro, un núcleo onde se realizan multitude de accións culturais ao longo do ano. Co fin de axudar a que estas actividades se realizan nas mellores condicións, así como para garantir o conforto dos profesionais e do público asistente ás mesmas, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia destinará un total de 35.000 euros para a adquisición do material necesario.
Con este convenio, de similar natureza a outros asinados cos concellos de Lalín e Mondariz para equipamento das bibliotecas municipais, garántese o acceso e uso do edificio nunhas condicións óptimas, favorecendo e promovendo así a utilización destas instalacións por parte de todos os cidadáns do municipio.
Cómpre lembrar que neste edificio de usos múltiples se realizan gran número de actividades socioculturais, dado que o utilizan tanto as distintas asociacións como o propio Concello. Entre outras accións, nestas instalacións celébrase o Nadal Cultural, bailes de salón, a Semana Cultural de Teixeiro, etc.