Nova: O grupo de música antiga Le Miroir de Musique abre Espazos Sonoros 2016
01/09/2016
O grupo de música antiga Le Miroir de Musique abre Espazos Sonoros 2016
O sábado 3 de setembro, na igrexa de Santiago de Cereixo de Vimianzo, o conxunto con sede en Basilea percorrerá as orixes do amor cortés a partir da obra de trobadores franceses
Previamente, o festival propón unha camiñada pola contorna do río Grande, unha paraxe de grande interese etnográfico e paisaxístico
Promovida pola Consellería de Cultura, esta novena edición ofrecerá ata o 18 de outubro nove concertos e diversas actividades para poñer en valor o patrimonio cultural, que tamén chegarán á Guarda, Ribadavia, Pedrafita do Cebreiro, Palas de Rei, Monterrei, Lalín, Baiona, Bergondo e A Coruña
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2016.- O grupo internacional de música antiga Le Miroir de Musique será o encargado de abrir esta fin de semana a novena edición do festival Espazos Sonoros, o vindeiro sábado 3 de setembro no concello coruñés de Vimianzo, cun repertorio que fará viaxar o público polas diferentes sonoridades vocais e instrumentais da Francia dos séculos XII e XIV.
A igrexa de Santiago de Cereixo será o escenario do concerto inaugural, ás 20:00 horas, no que o grupo dirixido por Baptiste Romain, e integrado tamén pola zanfonista Tobie Miller e polo cantante Mathias Spoerry, presentará o programa Au Dieu d’Amors, centrado nas orixes do amor cortés, con obras de trobadores e trobeiros franceses como Guiraut Riquier, Jaufre Rudel, Adam de la Halle e Guillaume de Machaut.
Previamente ao concerto, que é de balde e de entrada libre ata completar a capacidade, o festival promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura –e baixo a dirección artística de Belén Bermejo–, convida a unha camiñada pola contorna da igrexa de Santiago de Cereixo, unha paraxe de grande interese cultural e natural na que as persoas inscritas na andaina terán ocasión de coñecer elementos arquitectónicos singulares como as torres do Cereixo, a propia igrexa románica de Santiago do Cereixo ou un muíño de marea do século XVII.
Nove concertos e diversas actividades
Ata o 18 de outubro, Espazos Sonoros 2016 propón un achegamento a diferentes edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, da Guarda, de Pedrafita do Cebreiro, de Lalín, de Monterrei, de Bergondo, de Palas de Rei, da Coruña e de Baiona a través dunha programación que inclúe nove concertos e actividades como camiñadas, visitas guiadas e obradoiros de música antiga para afondar no coñecemento dos instrumentos.
A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei; o castelo de Santa Cruz, na Guarda; o pazo de Liñares, en Lalín; Santa María a Real do Cebreiro e o castelo de Monterrei son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, La Xácara, Tres Pesos, La Compagna, Solo Voces e o organista Adrián Regueiro ou a pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra para piano de Rosa García Ascot e Xesús Bal y Gay.
Tampouco falta na programación deste ano o habitual espazo para a difusión dos órganos históricos. Nesta ocasión, o 17 de setembro, o festival visitará os órganos que se atopan ao longo da primeira etapa do Camiño Francés á súa entrada en Galicia, desde O Cebreiro ata Sarria, pasando por Samos.
Concerto de Tres Pesos no Museo Etnolóxico de Ribadavia
A seguinte parada do festival será o sábado 10 de setembro en Ribadavia, onde o grupo Tres Pesos, con Felisa Segade, Xosé Antón Ferreira e Estevo Lamas, ofrecerá un concerto no Museo Etnolóxico do concello ourensán. Previamente, terá lugar unha andaina pola ruta fluvial de Ribadavia a Francelos. O prazo de inscrición para participar na camiñada xa está aberto, a través de actividades@espazossonoros.org
Concertos de balde e actividades con inscrición previa
A programación completa da novena edición de Espazos Sonoros, pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal/axenda. Todos os concertos do festival Espazos Sonoros son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas.