Nova: O Gaiás dálle a benvida ao outono cun Safari Verde e un Pícnic Musical

24/09/2016

O Gaiás dálle a benvida ao outono cun Safari Verde e un Pícnic Musical

Hoxe celébrase na Cidade da Cultura unha excursión na que os máis pequenos e pequenas descubrirán tipos e propiedades de flora existente no Bosque de Galicia

O edificio CINC acollerá un ‘Pícnic musical’ no que merendar ao son da Ukestra do Medio
 

Santiago, 24 de setembro 2016.- O Gaiás dálle hoxe a benvida ao outono coa celebración dunha xornada na Cidade da Cultura para gozar en familia. Nenos e maiores explorarán o Bosque de Galicia para despois bailar ao son dos ukeleles da Ukestra do Medio nun ‘Safari de outono’ que terá entrada libre e de balde.

A xornada arrancará ás 16:30 horas cunha divertida xincana coa que descubrir a flora do Bosque de Galicia. As familias deberán seguir as pistas, estudar os planos e superar as probas agochadas polas sendas do Gaiás ata localizar o maior número de plantas posibles das indicadas no mapa.

Cada familia deberá levar un teléfono móbil ou cámara dixital para sacarlle unha foto ás plantas atopadas. Os mellores exploradores, ademais de descubrir as súas propiedades, usos, ditos ou refráns, recibirán un agasallo. A actividade ten prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse previamente e de balde en cidadedacultura.gal.

Entrada de balde

E tras o ‘Safari Verde’, a Cidade da Cultura convida a un Pícnic Musical no edificio CINC no que poder merendar ao son da Ukestra do Medio. Ataviados cos seus pequenos ukeleles, os músicos da Ukestra do Medio levarán ao seu terreo pezas dos máis diversos estilos: de clásicos do rock'n'roll, country, swing ou pop a cancións tradicionais galegas, fados, cumbias tangos ou bossanovas. Mentres, grandes e pequenos poderán estirar os seus manteis e saborear cada un a súa propia merenda. A entrada é libre ata completar aforo.
 

Comparte