Nova: Espazos Sonoros pon en valor o patrimonio organístico do Camiño de Santiago Francés

15/09/2016

Espazos Sonoros pon en valor o patrimonio organístico do Camiño de Santiago Francés

O sábado 17 de setembro, o grupo Solo Voces actuará na igrexa de Santa María a Real do Cebreiro acompañado do organista Adrián Regueiro, nun concerto gratuíto

Previamente, o festival propón unha rolda pola paisaxe organística galega arredor dos órganos do Camiño Fránces, desde O Cebreiro ata Sarria

A programación da fin de semana complétase o domingo 18 na igrexa de San Salvador de Vilar de Donas coa actuación do dúo La Compagna e o seu repertorio para laúde renacentista

  • La Compagne

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016.- O Festival Espazos Sonoros regresa esta fin de semana con dous días de música e actividades arredor do patrimonio cultural galego. O sábado 17, a paisaxe organística do Camiño Francés de Santiago será a protagonista da rolda pola paisaxe que se desenvolverá entre os concellos do Cebreiro e Sarria, pasando por Samos, e na que as persoas inscritas previamente poderán descubrir os órganos do convento da Magdalena de Sarria, da abadía de Samos e da igrexa de Santa María a Real do Cebreiro.

Esta xornada dedicada ao patrimonio organístico rematará nesta igrexa de Santa María a Real, cun concerto aberto e gratuíto de órgano e conxunto vocal, a cargo do grupo Solo Voces –unha das formacións vocais máis consolidadas do panorama musical galego– acompañado polo organista Adrián Regueiro, que terá lugar ás 17:30 horas.

Para a ocasión preséntase un programa variado, co aliciente da estrea dun himno de vésperas, 'Beati omnes qui timent Dominum', que lle dá título ao programa, e un magníficat, extraídos de dous cantorais polifónicos da catedral de Lugo, transcritos e recuperados para a ocasión polo músico e investigador Andrés Díaz Pazos. Canda estas dúas estreas serán interpretadas outras pezas instrumentais para órgano solista, algunha outra do repertorio histórico dos arquivos das catedrais galegas e outras obras da polifonía renacentista ibérica.

A fin de semana de Espazos Sonoros completarase cunha xornada arredor do patrimonio cultural da igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, no concello lucense de Palas de Rei, que será o escenario do concerto que ofrecerá La Campagna ás 19:00 horas. Nun concerto tamén gratuíto e aberto ata completar a capacidade, o dúo formado por Rafael Muñoz e María Luz Martínez interpretará un programa centrado nos duetos italianos e ingleses para laúde renacentista.

Previamente, terá lugar unha vista guiada na que as persoas inscritas terán ocasión de coñecer a igrexa románica de Vilar de Donas, un importante expoñente do patrimonio vinculado ao Camiño Francés de Santiago e que destaca tanto pola súa arquitectura como polas pinturas murais.

Concertos de balde e actividades con inscrición previa

A programación completa da novena edición de Espazos Sonoros, pode consultarse enwww.espazossonoros.org e en www.cultura.gal/axenda. Todos os concertos do festival Espazos Sonoros son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas.

Comparte