Nova: Lois Patiño gaña o primeiro premio da 13ª Mostra Internacional Gas Natural-Fenosa
28/07/2014
Lois Patiño gaña o primeiro premio da 13ª Mostra Internacional Gas Natural-Fenosa
O xurado seleccionou para a exposición un total de 50 obras inéditas, entre 602 traballos presentados desde 29 países
A Coruña, 28 de xullo de 2014.- O vigués Lois Patiño gañou o primeiro preimo da da exposición da 13ª Mostra Internacional de Gas Natural-Fenosa, que se inaugurou esta tarde no Museo de Arte Contemporáneo (MAC) da Coruña. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou no acto inaugural, ao que tamén asistiron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o alcalde da cidade, Carlos Negreira, o delegado xeral de Gas Natural, Manuel Fernández, a directora do museo, Carmen Fernández e o presidente do xurado, Antón Castro.
O xurado seleccionou entre os 602 traballos presentados dende 29 países distintos un total de 50 obras inéditas das cales 8 son de artistas estranxeiros, 15 de galegos e 27 de creadores que chegan doutras comunidades autónomas de España. Estas cifras, segundo as palabras do titular do departamento de Cultura e Educación “fálannos da importancia destes premios, unha importancia que implica que todas estas persoas congregan unhas ilusións e uns sentimentos moi especiais cara á arte”.
Premio Julián Trincado
O xurado presidido por Antón Castro Fernández e con Ángela Molina como vogal e Alicia Fernández como secretaria decidiu por unaminidade, e de acordo coas bases da convocatoria, outorgar o primeiro premio desta 13ª Mostra Internacional Gas Natural Fenosa ao vigués Lois Patiño que logrou unha dotación de 15.000 euros pola súa obra Montaña en sombra: un vídeo de catorce minutos. O segundo e o terceiro galardón foron para Iñaki Gracenea e José Ramón Ais, respectivamente.
Ademais, o Concello da Coruña, dentro da presente edición, convocou o Premio Julián Trincado, dotado con 6.750€ que se lle outorga a mellor obra de autor galego e a peza gañadora pasará a ser propiedade do concello. Na edición de este ano o artista galardoado foi Álvaro Negro de Lalín que presentou a obra Estela II.
Dende a propia Consellería dáse apoio a estas manifestacións de arte permanentemente actualizadas “sendo conscientes –dixo o conselleiro– de que as galegas e galegos xa contamos cunha tradición chea de nomes consagrados nos niveis máis elevados da produción mundial”. Ademais de perseguir unha identidade “tan aberta como na liña que este certame se move para formar parte en pé de igualdade coa expresión da cultura actual, comprensible e recoñecible en calquera lugar do mundo”.
Vintecinco aniversario
Trece edicións en 25 anos avalan a Mostra Internacional Gas Natural-Fenosa como un referente internacional e unha plataforma para os novos valores do mundo da arte, así como un espazo da arte consolidado e recoñecido polos artistas, a crítica e o público. Ao longo da súa historia esta mostra ampliou os seus límites artísticos e xeográficos e no conxunto das súas trece convocatorias presentáronse máis de 8.000 propostas de artistas españois e estranxeiros.
Tras cumprir os seus 25 primeiros anos a compañía enerxética, a través do Museo de Arte Contemporáneo (MAC), desenvolve o proxecto ’25 años de energía creativa’ co obxectivo de afianzar o compromiso da compañía na promoción da formación, produción, profesionalización e internacionalización do sector cultural e creativo de Galicia.