Nova: A Casa-Museo Rosalía de Castro recibe o Arquivo Baltar

17/09/2016

A Casa-Museo Rosalía de Castro recibe o Arquivo Baltar

O conselleiro de Cultura e Educación participou no acto no que se fixo entrega destes materiais á Fundación que leva o nome da escritora padronesa

Padrón (A Coruña), 17 de setembro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na Casa-Museo Rosalía de Castro de Padrón no acto de recepción oficial do arquivo Ramón Baltar Feijóo e Ernesto Baltar Santaló, un fondo documental de gran interese cultural e social para a nosa terra e que retorna agora a Galicia.

O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia quixo salientar a xenerosidade de Dolores, Jacobo e Ernesto Baltar García-Peñuela -fillos de Ramón Baltar Feijóo- ao depositar estes fondos na Fundación que leva o nome da escritora padronesa, o que abre a posibilidade de que sexan estudados, difundidos e dixitalizados para garantía da súa conservación. Neste sentido explicou que a corresponsabilidade é fundamental á hora de salvagardar o noso patrimonio.

Román Rodríguez sinalou tamén este depósito como un recoñecemento ao labor da Fundación Rosalía e á confianza da sociedade no seu rigor. “Estou convencido de que este é o seu sitio e o que permitirá salvagardar esta valiosa documentación en boas condicións, así como promover a difusión axeitada destes fondos”, dixo.

No acto participaron, ademais do conselleiro, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; o investigador e membro numerario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos; e o alcalde de Padrón, Antonio F. Angueira; entre outras autoridades.

Un senlleiro legado

O Arquivo Baltar está composto por 445 pezas procedentes desta familia, datada desde o tempo en que Rosalía se instala con ela na casa da Matanza ata os anos vinte do pasado século. Entre os documentos relacionados cómpre salientar a abondosa correspondencia inédita incluída neste arquivo, centrada especialmente en Ramón Tojo e dirixida a el por Manuel Murguía e a súa filla Alexandra, por Daniel Castelao, Rafael Dieste, Pérez Lugín, Pardo Bazán ou Alfredo Brañas, entre outros.

De entre todo o valor histórico do fondo cómpre destacar, ademais, varios autógrafos de Rosalía, o diario de Ángel Baltar - amigo e protector da familia Murguía-Castro- onde se apuntan relevantes datos biográficos de Rosalía, a folla de servizos de Manuel Murguía, ou versos autógrafos de Ramón Rey Baltar.

A volta deste arquivo a Galicia é posible grazas á sinatura dun acordo entre o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e os tres irmáns Baltar García-Peñuela, rubricado o pasado mes de maio.

A Fundación comprometeuse a crear un espazo dentro da propia Casa de Rosalía para o fondo, así como a dixitalizar o conxunto para facelo público e de acceso universal; a realizar unha publicación académica que o estude, e a crear un premio de ensaio co nome de Ramón Baltar Feijóo para divulgar este senlleiro legado.

Comparte