Nova: Do Audible 2016 regresa cunha estrea mundial arredor da música, do teatro e da literatura

19/09/2016

Do Audible 2016 regresa cunha estrea mundial arredor da música, do teatro e da literatura

O Museo de Arte Contemporánea da Coruña acollerá o 21 de setembro a sesión ‘Microteatro psicopático’, baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio e coa participación do artista interdisciplinario Óscar Carmona

Achegarlle ao público as expresións culturais contemporáneas a través de formatos singulares é o obxectivo desta iniciativa promovida por Cultura e Educación en colaboración con Vertixe Sonora

O concepto do espazo na composición centrará a sesión de clausura da cuarta edición do ciclo, o 4 de outubro na Facultade de Belas Artes de Pontevedra
 

Santiago, 19 de setembro de 2016.- Logo dos concertos ofrecidos o pasado mes de xuño nas cidades de Ourense e de Vigo, a cuarta edición do ciclo Do Audible retoma a súa programación esta semana cun espectáculo en estrea absoluta arredor da ópera e do teatro.

Baixo o título de “Microteatro psicopático”, a nova sesión do ciclo organizado pola Consellería de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura–, en colaboración con Vertixe Sonora Ensemble, chegará o mércores 21 de setembro, ás 20:30 horas, á cidade da Coruña cunha experiencia que indaga formas complexas de comunicación e interacción entre sons, a imaxe e o xesto.

Transgresión musical, literaria e teatral

Dirixida por un nome singular do teatro español como é Carlos Álvarez-Ossorio, esta terceira sesión do ciclo Do Audible 2016 ofrece un espectáculo no que actor e músicos están ao mesmo nivel en escena. Coa participación do compositor, pianista e artista interdisciplinario Óscar Carmona, o espectáculo discorrerá a través dos mundos literarios do escritor aragonés Javier Tomeo, conformando así un triángulo de transgresión centrado na palabra, na música e na escena.

Do Audible celebra este ano a súa cuarta edición co obxectivo de seguir abrindo novos horizontes na creación musical contemporánea. A través de formatos singulares para a experiencia musical e coa complicidade de diferentes entidades internacionais, o ciclo ofrece unha programación que pon o foco no dinamismo da creación contemporánea, a través do diálogo entre diferentes disciplinas da arte e do pensamento.

Clausura da cuarta edición

A cuarta e última experiencia do ano xirará arredor do concepto de espazo e terá lugar o próximo 4 de outubro na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Este derradeiro programa, que desenvolverá dous discursos paralelos, filosofía e música, e, con diferentes obras para instrumentos de vento –da autoría de Edgar Varèse, Richard Barrett, Gerald Eckert e Luc Döbereiner–, abordará o concepto do espazo na composición e contará coa participación do filósofo Arturo Leyte e do compositor Luc Döbereiner.

Todas as sesións de Do Audible son ás 20:30 horas e de acceso gratuíto, ata completar a capacidade. Os concertos corren a cargo de Vertixe Sonora Ensemble, unha formación integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal, que conxuga artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza.

Experiencias novidosas

Con este ciclo, a Secretaría Xeral de Cultura e Vertixe Sonora procuran o achegamento do público xeral á música e ás expresións contemporáneas, con experiencias novidosas en distintos puntos de Galicia. Cada concerto organízase arredor dun foco temático e interactúa coa palabra cómplice de relevantes personalidades do mundo da cultura, na procura de achegar puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento contemporáneos.

A edición deste ano do ciclo Do Audible conta coas colaboracións da Universidade de Vigo, de Gas Natural Fenosa, do Concello de Pontevedra, de Pro Helvetia, de Kulturrat des Kantons Wallis, de Berliner Senatskanzlei Kulturelle Angelegenheiten e do Instituto Goethe.
 

Comparte