Nova: Clausúrase en Ourense o 82 Congreso Internacional do PEN

01/10/2016

Clausúrase en Ourense o 82 Congreso Internacional do PEN

É a segunda ocasión que este encontro, que contou coa participación de 250 autores literarios, se celebra en Galicia

Santiago, 1 de outubro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, participou ena clausura do 82 Congreso Internacional do PEN, un encontro literario que se celebra desde o pasado luns 26 principalmente na cidade de Ourense. O titular do departamento de Cultura da Xunta salientou que Galicia é un lugar idóneo para a construción de pontes de entendementos entre os pobos e para o desenvolvemento das súas literaturas e culturas, tanto pola súa historia, cultura e lingua milenarias, como polo carácter das galegas e galegos, forxado no traballo, o diálogo intercultural e o respecto.

Así mesmo Román Rodríguez quixo destacar o máximo prestixio do que goza Pen Internacional, organización representada na nosa Comunidade polo Centro PEN Galicia, presidido por Luís González Tosar. Ademais, dirixiuse aos presentes, procedentes dos 5 continentes para felicitalos polo seu labor en prol do progreso e dun mundo máis desenvolto ética, política, cultural e economicamente.

No acto de clausura deste congreso, co que colabora a Consellería, participaron tamén o presidente do Centro PEN Galicia, a presidenta do PEN Internacional, Jennifer Clement; os autores e autoras participantes no congreso e os gañadores do Premio Rosalía de Castro, entre outros persoeiros.

‘Erguendo Pontes Literarias’

'Erguendo Pontes Literarias' é o lema baixo o que se desenvolveu este segundo Congreso Internacional do Centro PEN en Galicia, despois do celebrado en 1993 en Santiago de Compostela, o número 82 no cómputo total. Un total de 250 autores participaron nesta edición do encontro, no que se tivo ademais unha lembranza para autores tan destacados como Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Antón Risco, Antón Tovar, Pura Vázquez, Marcos Valcárcel e Xosé Fernández Ferreiro.

Esta semana de actividade literaria e reforzo dos vínculos entre os delegados e participantes, abordou a relación entre a literatura de Iberoamérica e a lusofonía. O propio lema do congreso e a súa localización en Ourense, cidade situada a escasa distancia de Portugal e integrada na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, contribuíu a afondar neste sentido.

O congreso pechouse hoxe en Santiago de Compostela coa entrega dos Premios Rosalía de Castro, cos que o Centro Pen Galicia recoñece o traballo de escritores nas distintas linguas da Península; galardóns que contan coa colaboración da Consellería e que convocan con periodicidade bianual. Nesta edición, os premios foron para a caboverdiana Dina Salústio en lingua portuguesa; a madrileña Almudena Grandes en lingua castelá; o barcelonés Álex Susanna en catalán; e para a a guipuscoana Marisun Landa en euskera.

Desde a súa creación en 1996 tense distinguido con este recoñecemento a autores tan relevantes como José Saramago, Gonzalo Torrente Ballester, Joan Perucho e Bernardo Atxaga; António Lobo Antunes, Manuel Vázquez Montalbán, Miquel de Palol e Juan Mari Lekuona; Sophia de Melo, José Angel Valente, Pere Gimferrer e Angel Lertxundi; Ernesto Sabato, Nélida Piñón, Ricard Salvat e Felipe Juaristi; Francisco Brines, Carme Riera, Ramón Saizarbitoria e Rubem Fonseca; Isabel Allende, Josep Palau i Fabre, Arantxa Urretabizkaia e Agustina Bessa Luís; Álvaro Mutis, Mia Couto, Jon Kortazar e Joan Margarit e Antonio Gamoneda, Lêdo Ivo, Itxaro Borda e Francesc Parcerisas.

Comparte