Nova: Profesionais de arquivos fórmanse en redes sociais para mellorar a difusión pública dos seus fondos

03/10/2016

Profesionais de arquivos fórmanse en redes sociais para mellorar a difusión pública dos seus fondos

Desenvólvense hoxe e mañá na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou as oportunidades que ofrecen os medios sociais para facilitar a chegada á cidadanía do labor dos arquivos e dos seus fondos documentais
 

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2016.- A Secretaría Xeral de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Arquivos, desenvolve estes días na Cidade da Cultura o curso “Os arquivos e a información nos medios sociais”, dirixido aos técnicos dos arquivos, co obxectivo de ofrecerlles novas posibilidades de difusión do seu labor profesional a través tanto das redes sociais como de blogs e doutras ferramentas web.

Durante dúas xornadas, os participantes no curso teñen a posibilidade de coñecer as utilidades das redes sociais e novos medios en internet para transmitir información dos arquivos e obter unha maior chegada á cidadanía. Esta formación corre a cargo de especialistas con ampla experiencia nesta materia, como José Luis Muñoz Romano, do Arquivo Central da Secretaría de Estado de Educación, un dos profesionais máis activos na difusión dos arquivos a través dos medios sociais, e Francisco Sandoval Verea, técnico do Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

Na apertura do curso, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a importancia de afondar “nesta dimensión dixital imprescindible para a visibilización social dos arquivos e, polo tanto, para o servizo público que estes ofrecen.” O secretario xeral valorou, nese sentido, os importante avances realizados nos últimos anos desde os arquivos de Galicia para proxectar o seu labor en internet, a través do desenvolvemento de contidos para a web Arquivos de Galicia e outras plataformas de difusión na rede.

Redes sociais e outras ferramentas web para aumentar a difusión

Con esta formación, os profesionais poderán afondar noutros recursos existentes para facilitar o coñecemento social dos fondos e do labor dos arquivos. Os asistentes traballarán nestas dúas xornadas nas oportunidades que ofrecen os medios sociais, tanto as redes sociais (Facebook e Twitter fundamentalmente, pero tamén Instagram, Flickr, LinkedIn, Pinterest ou Stotify), como os blogs, os sitios web (Youtube, Slideshare ou Wikipedia) e as utilidades de ferramentas audiovisuais como Podcasts, videos, exposicións virtuais e fotografías. Falarase tamén da creación e xestión de contidos e das boas prácticas nesta canle de difusión.

Na actualidade, a información dos arquivos públicos está presente na Rede a través da páxina www.arquivos.xunta.gal e as súas actividades a través da Axenda de Cultura de Galicia en cultura.gal, ademais dos perfís de Cultura das redes sociais.

Comparte