Nova: A carteleira de outono de Tui acolle o inicio da xira de Tartufo
04/10/2016
A carteleira de outono de Tui acolle o inicio da xira de Tartufo
Presentouse a nova programación do Teatro Municipal, no que o Centro Dramático Galego representará o 21 de outubro a súa versión do clásico de Molière
O concerto de Best Boy e as montaxes ‘Eroski Paraíso’, de Chévere; ‘Invención’, de Odaiko; ‘Güela-Güela’, de Galitoon; ‘Danza na choiva’, de Elefante Elegante; e ‘Raclette’, de Ibuprofeno, integran a a oferta da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Tui (Pontevedra), 4 de outubro de 2016.- O Concello de Tui presentou a súa carteleira teatral deste outono, para a que conta co Centro Dramático Galego (CDG), que iniciará no Teatro Municipal tudense a xira do espectáculo ‘Tartufo’, e con seis actuacións inseridas na Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Tui é un dos 38 municipios que forma parte deste circuíto profesional de exhibición de espectáculos, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xestiona a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) co obxectivo de manter unha canle estable de encontro entre o público e as últimas producións escénicas galegas, ademais de contribuír á descentralización da oferta cultural en Galicia.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a responsable do CDG, Fefa Noia, participaron hoxe nesta rolda de prensa xunto con Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; María José González, concelleira de Educación e Cultura; e Santiago Cortegoso, director de Ibuprofeno Teatro, unha das compañías que forman parte desta programación co espectáculo ‘Raclette, co que este verán obtivo o Premio Especial do Público da Feria de Teatro de Castilla y León, en Ciudad Rodrigo.
Compromiso cultural
Na súa intervención, Sutil gabou o “compromiso cultural” do concello de Tui, que se reflicte en cada novo período de programación recollido nos sucesivos números da súa axenda ‘Corredoira Cultural’. Destacou, ademais, o seu papel como un dos socios máis activos do circuíto de teatros e auditorios da Agadic en colaboración con 38 concellos, ademais de como destino habitual das producións do Centro Dramático Galego.
De feito, a compañía pública iniciará aquí a xira do seu espectáculo ‘Tartufo’, versión do clásico de Molière sobre os perigos das falsas aparencias, que chega aos escenarios galegos baixo a dirección de Carles Alfaro. A súa presentación no Teatro Municipal de Tui terá lugar o venres 21 de outubro, ás 21.30 h, unha vez rematado o período de exhibición que o CDG está a desenvolver nestes momentos na súa sede do Salón Teatro de Santiago.
Oferta cen por cento galega
A colaboración da Consellería de Cultura e Educación esténdese, así mesmo, a outras seis do total de 10 citas culturais desta axenda trimestral, cen por cento galega. Materialízase a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto dentro do que Tui programa o concerto da banda tudense Best Boy (11 de novembro) e os espectáculos ‘Eroski Paraíso’ (7 de outubro), de Chévere; ‘Invención’ (14 de outubro), de Odaiko; ‘Güela, güela’ (22 de outubro), de Galitoon; ‘Danza da choiva’ (4 de novembro), de Elefante Elegante; e ‘Raclette’ (5 de novembro), de Ibuprofeno Teatro.
A carteleira complétase con outras tres propostas galegas: o espectáculo ‘O poder de Amabel’ (18 de novembro), de Pérez&Fernández; a proxección da película ‘Holy Night! Noite de paz?’ (22 de decembro), dirixida por Juan Galiñanes; e o concerto de Nadal da Orquestra Sinfónica de Tui o 23 de decembro.