Nova: Nélida Piñón conversa en Nexos convida sobre o seu universo literario e a súa vinculación con Galicia
04/10/2016
Nélida Piñón conversa en Nexos convida sobre o seu universo literario e a súa vinculación con Galicia
A escritora brasileira de raíces galegas foi a protagonista da nova edición deste ciclo no Gaiás
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2016.- A escritora Nélida Piñón conversou esta tarde na Cidade da Cultura sobre a súa traxectoria vital e literaria, así como sobre a súa vinculación con Galicia. Fíxoo nun formato de proximidade co público, no marco da nova edición de ‘Nexos convida...’, unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Educación que propón conversas con figuras de recoñecido prestixio das letras, das artes e do pensamento.
O diálogo, conducido pola investigadora e profesora de literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra, desenvolveuse nun encontro que contou coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e da directora de Acción Cultural, María Pereira.
A investigadora e profesora de Literatura Galega da USC, Dolores Vilavedra, foi a encargada de introducirnos no universo literario de Piñón, así como nas súas vivencias persoais e na súa fonda relación con Galicia. Uns vínculos que a levaron a ingresar no 2014 na Real Academia Galega como membro de honra e embaixadora de Galicia no mundo das letras.
A autora de ‘A república dos sonhos’ é tamén doutora honoris causa por diversas universidades -entre elas a USC en 1998- e a súa traxectoria literaria foi recoñecida con importantes premios literarios, como Pen Club, en 1985; ou o Juan Rulfo, considerado como o Nobel hispanoamericano.
Traducida en máis de 30 países
Nélida Piñón (Vila de Isabel -Río de Janeiro-, 1937) conta con máis de 25 libros publicados e as súas obras foron traducidas en máis de 30 países. O seu debut como novelista foi en 1961 coa obra Guía-mapa de Gabriel Arcanjo, e posteriormente publicou obras como Madeira feita cruz, Fundador, A casa da paixão, Sala de armas, A doce canção de caetana, O pão de cada día, Até amanhã, outra vez; A república dos sonhos, Vozes do deserto, Aprendiz de Homero e Coração andarilho.
Dolores Vilavedra (Vigo, 1963) é investigadora e profesora de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela. Coordinadora do Diccionario da literatura galega en 4 tomos publicado por Galaxia, Vilavedra forma parte do consello de redacción da revista Grial, onde dirixe a sección de crítica literaria. Autora de varios ensaios e antoloxías, Dolores Vilavedra encargouse tamén da tradución de grandes escritores como Lobo Antunes, Amélie Nothomb, Manuel Rivas ou Suso de Toro.