Nova: O Museo do Prado dedícalle unha exposición ao Mestre Mateo
05/10/2016
O Museo do Prado dedícalle unha exposición ao Mestre Mateo
Cultura colabora na exposición que permitirá reunir a obra de este ilustre arquitecto e escultor galego no principal museo de España, dándolle difusión internacional ao seu legado e á catedral de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, participou na presentación da que será a primeira mostra que o Museo del Prado lle dedica en exclusiva a un autor galego, e que terá como protagonista ao Mestre Mateo. Segundo explicou en rolda de prensa o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia trátase dun fito expositivo a nivel nacional polo significado desta figura, pero sobre todo polo descoñecemento que aínda hai en torno a el, “feito que con esta mostra pretendemos comezar a corrixir”, en palabras do conselleiro.
Román Rodríguez explicou que “un dos artistas máis relevantes e que deixou unha das pegadas máis duradeiras na historia da arte, non só galega, senón universal, será amosado por primeira vez ao gran público nunha das máis prestixiosas institucións culturais, non só de España, senón de todo o mundo: o Museo del Prado.”
O conselleiro lembrou, así mesmo, que a mellor tradición de escultores e canteiros galegos naceu ao abeiro da inspiración e as indicacións técnicas deste autor nunha época, o Medievo, na que a pedra esculpida foi a máxima protagonista nas artes plásticas do país. “O Mestre Mateo –dixo– representa a excelencia artística e eleva a escultura á categoría de sublime”.
Ademais do conselleiro na rolda de prensa interviñeron o director do Museo do Prado, Miguel Zugaza Miranda; o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Carlos Lorenzo Santos; o director-xerente de S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega Sánchez; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.
Mostra única
Comisariada por Ramón Yzquierdo Peiró, a exposición ‘Maestro Mateo’ poderase visitarse ata o mes de xaneiro de 2017 no Museo Nacional do Prado, o que permitirá darlle difusión e relevancia internacional ao legado do que é, en palabras do director adxunto do Museo, Miguel Falomir, “o escultor máis grande que deu España”.
Trátase dunha mostra única na que se reunirán pezas dispersas do patrimonio mateán, actualmente en mans de diversas institucións e coleccionistas particulares; e a través do que se realiza un completo percorrido polo traballo do Mestre na Catedral de Santiago desde 1168 a 1211. En total exporanse 10 pezas e outros 8 materiais, entre os que se atopan documentos e diversos materiais gráficos e textuais sobre a catedral compostelá e a súa restauración.
De forma paralela, é unha oportunidade para a recuperación de pezas que precisan traballos de conservación, tales como o ‘David’ e o ‘Salomón’ da fachada do Obradoiro; e realizar novos estudos e investigacións arredor das mesmas.
Neste sentido, cómpre salientar que a idea da mostra naceu ao dedicarlle o Día das Artes Galegas 2015 ao Mestre, e como colofón final a esta homenaxe. Con ese obxectivo está previsto tamén organizar actividades complementarias, como ciclos de conferencias ou un simposio arredor do autor.
Colaboradores
A exposición dos organizadores da exposición, nomeadamente a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, a Fundación Catedral e o Museo Nacional do Prado; colaboran coa mostra a Consellería de Cultura e Educación, o Xacobeo, o Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña.