Nova: Impulso definitivo para a construción do novo enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura e o centro de Santiago de Compostela

05/10/2016

Impulso definitivo para a construción do novo enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura e o centro de Santiago de Compostela

O Goberno galego ten xa redactado o proxecto construtivo necesario para executar o novo enlace e comprometeuse a poñer á disposición do Ministerio de Fomento os terreos necesarios para a levar a cabo estas obras

Esta actuación suporá unha mellora importante da mobilidade dos veciños de Santiago ao dispoñer dunha comunicación máis directa desde a autoestrada, que tamén favorecerá o acceso a outros equipamentos como o Multiusos do Sar

Vázquez Mourelle explicou que tamén “contribuirá a desconxestionar a circulación na AP-9, aliviando o intenso tráfico que rexistran os accesos á cidade nesa autoestrada xa que funciona como circunvalación libre de peaxe”

Ethel Vázquez destacou que “o novo acceso desde a AP-9 completarase cun quinto enlace, o Orbital, que está a ser desenvolvido, en fase de proxecto construtivo, tamén polo Ministerio de Fomento e no que estamos traballando para que sexa unha realidade o antes posible”

O conselleiro de Cultura en funcións subliña que este novo enlace mellorará a accesibilidade á Cidade da Cultura de Galicia, un complexo que o pasado ano visitaron preto de medio millón de persoas

Rodríguez sinalou que aínda que non é unha gran infraestrutura en termos materiais, conta con moita relevancia para aproveitar o potencial da Cidade da Cultura

  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Román Rodríguez, participaron xunto co ministro de Fomento en funcións, Rafael Catalá, no acto de sinatura do convenio que lle permitirá ao Ministerio iniciar as obras a principios do vindeiro ano A conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Román Rodríguez, participaron xunto co ministro de Fomento en funcións, Rafael Catalá, no acto de sinatura do convenio que lle permitirá ao Ministerio iniciar as obras a principios do vindeiro ano
  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Román Rodríguez, participaron xunto co ministro de Fomento en funcións, Rafael Catalá, no acto de sinatura do convenio que lle permitirá ao Ministerio iniciar as obras a principios do vindeiro ano A conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Román Rodríguez, participaron xunto co ministro de Fomento en funcións, Rafael Catalá, no acto de sinatura do convenio que lle permitirá ao Ministerio iniciar as obras a principios do vindeiro ano

Madrid, 5 de outubro de 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, participaron hoxe xunto co ministro de Fomento en funcións, Rafael Catalá, no acto de sinatura do convenio que permitirá ao Ministerio iniciar a principios do vindeiro ano a construción do novo enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura e o centro de Santiago, reforzando o potencial turístico da capital galega.

Vázquez Mourelle indicou que “a Xunta ten xa redactado o proxecto construtivo necesario para executar o novo enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura e o centro de Santiago” e comprométese “a poñer á disposición do Ministerio de Fomento os terreos necesarios para a levar a cabo estas obras”.

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) porá á disposición os terreos adicionais necesarios, cuxa expropiación suporá un custo estimado de 300.000 euros e Fomento se encargará de contratar, executar e financiar as obras do novo enlace, que xa están plenamente coordinadas co ampliación da Autoestrada. Unha vez finalizadas as obras, serán entregadas a Autopistas del Atlántico, que asumirá a súa explotación e conservación.

Vázquez Mourelle subliñou que este acordo “supón o impulso definitivo a unha nova infraestrutura que dotará a Compostela dun 4º enlace coa AP-9, incidindo na mellora da competitividade, ao acrecentar o potencial turístico da cidade e reforzar o protagonismo de Santiago como capital turística de Galicia por excelencia”.

Ethel Vázquez destacou que “o novo acceso desde a AP-9 completarase cun quinto enlace, o Orbital, que está a ser desenvolvido, en fase de proxecto construtivo, tamén polo Ministerio de Fomento e no que estamos traballando para que sexa unha realidade o antes posible”.

Precisou que este novo enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura e o centro de Santiago é estratéxico para o impulso da infraestrutura cultural e tamén fundamental para o desenvolvemento de Santiago.

Esta actuación suporá unha mellora importante da mobilidade dos veciños de Santiago, sobre todo, dos que residen nos barrios de Fontiñas e do Sar, ao dispoñer dunha comunicación máis directa desde a autoestrada, que tamén favorecerá o acceso a outros equipamentos como o Multiusos do Sar.

Así mesmo, Vázquez Mourelle explicou que tamén “contribuirá a desconxestionar a circulación na AP-9, aliviando o intenso tráfico que rexistran os accesos á cidade nesa autoestrada xa que funciona como circunvalación libre de peaxe”.

Acceso á Cidade da Cultura de Galicia

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Román Rodríguez, subliñou o importante valor loxístico que este novo enlace da AP-9 vai ter para a Cidade da Cultura de Galicia, un complexo cultural que o ano pasado foi visitado por preto de medio millón de persoas; e tamén para a cidade de Santiago e os seus barrios máis próximos ao casco urbano.

Rodríguez sinalou que aínda que non é unha gran infraestrutura en termos materiais, conta con gran relevancia para aproveitar o potencial da Cidade da Cultura. Segundo o conselleiro, unha vez que se faga realidade, esta conexión vai mellorar a accesibilidade e aforrar tempo ás persoas que se acheguen ao Gaiás, que é o segundo polo de atracción cultural de Compostela logo da Cidade Vella.

Polo tanto, trátase dun acceso de vital importancia para un maior aproveitamento da potencialidade da Cidade da Cultura como escaparate de Santiago e de Galicia. Neste sentido, Román Rodríguez salientou que esta actuación mellora a accesibilidade do recinto ao conxunto dos visitantes desde calquera localidade de Galicia e reforza o carácter autonómico do recinto.

Con este acordo, establécese o marco de colaboración entre a Administración Xeral do Estado, Autopistas del Atlántico e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas e a Fundación Cidade da Cultura, para a construción do novo enlace. Con este vial, disporase dunha conectividade óptima coa AP-9 o que incrementará o seu potencial como polo cultural de Galicia.

Comparte